O PP considera “insuficiente” o investimento da Deputación de Lugo para recuperar Augas Mestas

Os deputados populares Antonio Ameijide, Luis Fernández e Héctor Corujo visitaron o complexo turístico de Augas Mestas e criticaron o que considera “nula intención” do goberno provincial de Lugo “por impulsar e poñer en marcha estas instalacións que poderían e deberían de ser un referente turístico na provincia”.
Para o voceiro provincial, Antonio Ameijide, “con 100.000 euros é imposible dar a estas instalacións toda a importancia que merecen” xa que, di, “tras 18 anos de abandono por parte de PSOE precísase un compromiso moito maior” para recuperar e poñer en valor esta zona que “debe ser un referente turístico no sur da provincia”.
Este área recreativa, construída no ano 1996 pola Deputación, cun goberno do Partido Popular á fronte tal e como insisten os deputados, tiña como obxectivo dinamizar o turismo na Ribeira Sacra poñendo en servizo un área máis a disposición dos turistas que chegan á provincia. Porén e segundo a súa opinión, dende que o PSOE e o BNG chegaron ao goberno da Deputación “ningunha das dúas formacións tivo interese en poñelo en marcha, como certifica que baixo o seu mandato nunca abriron as súas portas”.
Para o voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, Augas Mestas é “o exemplo perfecto” do que considera unha “nefasta política en materia de turismo” do goberno provincial.
Destacan que complexo de Augas Mestas, foi “un proxecto pioneiro moi adiantado á súa época, construído por un goberno do PP” e, din, “é unha mágoa ver como PSOE e BNG abandonaron estas magníficas instalacións a súa sorte e que, semella, foron obxecto de saqueos, xa que hai numerosas pezas de mobiliario que se aprecia que faltan”.
Denuncian que “nin PSOE nin BNG teñen interese por mellorar a economía desta zona da provincia” xa que coa posta en marcha destas instalacións xeraríanse numerosos postos de traballo na zona sur, tanto directos como indirectos.