O PP condena o que considera "a cuarta paralización da construción" da residencia da Pobra do Brollón"
O portavoz popular na provincia de Lugo, Antonio Ameijide, di que a aprobación do inicio do procedemento para a resolución do contrato correspondente á cuarta licitación das obras de construción da residencia da Pobra do Brollón por parte da Deputación de Lugo é "esperpéntica".
“A cuarta paralización da construción da residencia da Pobra do Brollón é o enésimo fracaso da Deputación de Lugo”, sostivo, e “evidencia total falta de seriedade e respecto aos veciños da Pobra do Brollón e da provincia en xeral por parte do goberno de PSOE e BNG”.
Ademais, sostivo que "este novo atraso non só nos custa máis aos lucenses, senón que, o que é peor, supón que os veciños da Pobra do Brollón continúen sen o servizo que levan tantos anos agardando”, segundo condena Ameijide.
Pola súa parte, o voceiro do PP na Pobra do Brollón, Teddy López, acusa ao alcalde do municipio e ao presidente da Deputación de dar a todos os veciños unha nova licitación da residencia da vila “como regalo anticipado de Nadal", criticando tanto a xestión do Goberno provincial como a do Goberno local.
Así, López di que “é un despropósito que teñamos que concorrer a unha quinta licitación. Este novo fracaso é o regalo de Nadal de Tomé e do alcalde para todos os veciños tras cansarse de prometer a tan demandada residencia para o municipio”, sinalou.
Unha decisión "electoralista"
Para os populares, esta nova resolución do contrato para a construción do centro residencial de atención a persoas maiores na Pobra do Brollón, adxudicado en setembro tras saír a licitación por cuarta vez en abril deste ano, "é chamativa e non pode ser casualidade. Evidencia unha total falta de seriedade e, sobre todo, unha total falta de respecto aos veciños e veciñas da Pobra do Brollón en particular e da provincia de Lugo en xeral”.
Así o entende o popular que considera “electoralista” que a Deputación de Lugo sacara a licitación unhas semanas antes das municipais de maio esta obra, prometida tamén pouco antes das municipais do 2019. “Agora comprobamos que este era un anuncio baleiro”, subliña Ameijide. “Pero non nos debe estrañar porque tanto este centro coma outros da provincia levan moitos anos de atraso. E iso, no mellor dos casos”, puntualiza.
O popular explica que, no caso da residencia da Pobra do Brollón, o convenio foi asinado en xuño do 2018 e sacado a licitación en febreiro do 2019 contemplaba un investimento de 1,4 millóns de euros. O primeiro contrato foi resolto e coa segunda licitación o goberno da Deputación tardou case un ano en formalizar o contrato para logo ser suspendido e, posteriormente, tamén resolto. Na terceira licitación para a construción deste centro quedaba deserto o concurso.
O Grupo Provincial Popular xa advertira de que “era preciso contemplar a revisión de prezos, atendendo á suba dos custes da luz, do combustible ou dos materiais da construción”. A cuarta licitación foi aprobada en abril deste ano e adxudicada en setembro por 2,2 millóns de euros. “Todos estes atrasos supuxeron que o custo desta infraestrutura se incrementara en 800.000 euros”, condena Ameijide.
Nese sentido, afirma que “o atraso non só nos custa máis aos lucenses, senón que, o que é peor, supón que os veciños da Pobra do Brollón continúen sen o servizo que levan anos agardando”.