O PP asegura que os orzamentos da Deputación non solucionan os problemas dos lucenses

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Indican que mentres o Plan Deputación so aumentará nun 1,1% as transferencias de capital aumentan nun 32%
concelleiros-partido-popular-deputacion
20 Nov 2024

Os deputados do Grupo Provincial Popular seguen a analizar o proxecto de orzamentos da Deputación de Lugo para o vindeiro ano, “unhas contas que dende PSOE e BNG anuncian como sociais e expansivas pero que na realidade supoñen dúas chequeiras para amigos, unha para PSOE e outra para BNG”, din.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, explica que os deputados do BNG “perfeccionaron o modelo Tomé” e nas partidas reservadas para as súas áreas “incrementaron os fondos destinados para poder realizar convenios a dedo”.

Afirma que aumentan as partidas de transferencias a concellos en materia de promoción cultural, fomento do deporte, mocidade ou outras actuacións... “Parécenos ben que se apoie todo tipo de iniciativas, pero ten que ser en todos os concellos da provincia, non só naqueles gobernados por amigos de PSOE e BNG”, denuncia.

Unha afirmación que se apoia en números, datos e partidas sen especificar. Indican que en promoción cultural aumenta en 913.761,09 euros, pasando de 2.127.306,72 a 3.041.067,81, unha suba do 42,95%. En transferencias a entidades locais aumentan en 2.807.835,62 euros, pasando de 14.340.164,76 a 17.148.000,38, un incremento do 19,58%, "para os convenios a dedo".

“A realidade que vemos é que incrementan partidas discrecionalmente para poder destinar eses cartos a convenios a dedo con quen eles deciden, xa que se realmente quixeran colaborar con todos os municipios por igual destinarían todos estes fondos ao Plan Deputación, o plan máis xusto e equitativo que ten a Deputación na actualidade para repartir fondos”, argumentan.

Sobre o Plan Deputación afirman que as transferencias de capital aumentan un 32% (de 11.253.712,34 a 14.888.732,74), pero o Plan Deputación só incrementa un 1,1%, “unha nova mostra de que os aumentos de fondos destínanse integramente a convenios”.

Concretamente este plan din que só aumenta en 250.000 euros, "probablemente como o ano pasado 50.000 para cada un dos cinco concellos máis grandes da provincia, os que máis recursos teñen, tanto económicos como de persoal; mentres que para o resto conxélase ou diminúe".

Dende o Grupo Provincial Popular “defendemos un trato xusto e igualitario para todos os municipios da provincia, independentemente da cor política que os goberne” de aí que se pedise aumentar o Plan Deputación en 10 millóns de euros, chegando así aos 32 millóns. “A realidade é que aumentan os fondos para repartilos a porta pechada, mentres que a suba do Plan Deputación é 40 veces menor á que pedimos e só beneficia aos que menos o precisan”, denuncian.

Residencias

Engaden que as contas de PSOE e BNG para 2025 “non contemplan” a apertura de ningunha das residencias previstas, unha afirmación que se basea en dous datos do proxecto de orzamentos. O orzamento total para os centros de atención a maiores baixa de 10.937.767,79 a 10.841.133,96, un descenso de 96.633,83 euros. Os investimentos reais para os centros de atención a maiores baixa un 12%, de 1.496.419,46 a 1.317.256,60 euros.

“Queda claro que non van a abrir ningunha residencia máis, xa que con menos recursos non se poden abrir novas instalacións, nin sequera as xa rematadas como a de Becerreá, como tampouco as que están en marcha”, explicou.

A principal reclamación dos veciños da provincia e do Grupo Provincial Popular é o arranxo da rede viaria provincial “totalmente deteriorada e perigosa” en 66 dos 67 concellos da provincia.

Dende o Grupo Provincial Popular pedíase un incremento de 10 millóns de euros nesta partida e, pese a que dende o equipo de goberno aumentaron os fondos, “a suba é totalmente insuficiente dado o nefasto estado de conservación das estradas da Deputación”. “Fan falta moitos máis recursos para paliar tantos anos de abandono”, sentenciou.

Turismo

A promoción turística da provincia é outro eido no que tanto PSOE como BNG suspenden nas contas para 2025 segundo o PP ao baixar os fondos destinados para a difusión da imaxe da provincia, pasando dos 1.915.986,36 en 2024 aos 1.889.112,96 en 2025, descendo o investimento nun 1,40%.

Hai un dato que indica tamén “a discrecionalidade” das decisións de PSOE e BNG para beneficiar a afíns é a redución de fondos destinados ao Museo do Mar (13.244,51 euros menos) e ao Museo San Paio de Narla (17.747,96 menos), "ambos localizados en municipios gobernados por alcaldes do PP, mentres só que aumentan os fondos destinados ao Museo Etnográfico Pazo de Tor, en Monforte, municipio que goberna o presidente da Deputación".

Dende o Grupo Provincial Popular “temen” que o proxecto de orzamentos para o vindeiro ano “estea inflado” ao igual que os anteriores, unha afirmación que asentan nos datos das liquidacións dos orzamentos de 2023 e 2024.

Segundo a liquidación de 2023, para investimentos reais había un total de 34.527.688,38€ pero finalmente so se executaron 14.718.413,62€, o 42,63% do previsto. Tamén só ingresaron o 24,75% do previsto, 45.278.838,87€ de 182.934.992,11€. No referente aos gastos, en medio ano só investiron o 10,43% do anunciado, 3.507.917,44€ dos 33.627.125,74€ previstos.

Uns datos que amosan un horizonte “preocupante” no referente ás contas de 2024, xa que a previsión estimada por PSOE e BNG é investir a 31 de decembro o 42,63% do anunciado.

Dende o Grupo Provincial Popular insisten en que “falamos de datos facilitados por PSOE e BNG no proxecto de orzamentos para o vindeiro ano, unha mostra máis de que nunca realizan unhas contas fiables nin realistas, o que evidencia que son un lastre para o crecemento económico e o desenvolvemento da provincia”.

0.20073390007019