O PP acusa unha parálise na construción do centro de maiores de Folgoso do Courel
Os deputados do Partido Popular esixirán no vindeiro pleno ao goberno da Deputación de Lugo o impulso dos trámites e xestións pendentes para iniciar de forma inmediata a construción do centro de atención a maiores de Folgoso do Courel. O portavoz, Antonio Ameijide, subliña que “é de xustiza que os veciños e veciñas dispoñan deste servizo comprometido no 2015 polo goberno do Partido Popular, pero que, 9 anos despois, está paralizado; a pesar de que o Concello cumpriu coas obrigas adquiridas no convenio asinado coa Deputación de Lugo en agosto do 2018”.
Antonio Ameijide, Carmen José López -vicevoceira do Grupo Provincial Popular- e Luís Fernández Guitián -deputado pola zona sur da provincia- puideron coñecer da man da alcaldesa do municipio, Lola Castro, o espazo onde está previsto construír esta residencia da terceira idade. Segundo o proxecto para o que o Concello outorgou licencia en xaneiro do 2022 -apenas unhas semanas despois de que fora solicitada-, o antigo colexio de Folgoso será demolido para construír unha nova infraestrutura de 780m2 con 52 prazas (32 de residencia e 20 de centro de día).
“O último que puidemos saber sobre os avances para facer realidade a construción e posta en servizo deste centro foi en decembro do 2022 cando o goberno provincial trasladou nunha reunión coa alcaldesa a necesidade de revisar os prezos recollidos no proxecto para evitar que quedase deserta a licitación, como ocorreu noutros casos. Pero dende aquela tiveron tempo suficiente para revisar eses prezos”, puntualiza o voceiro popular.
Ameijide advirte que “a data límite para a licitación, remate e recibimento das obras é o 26 de xullo de 2025”, segundo se recolle na segunda addenda ao convenio, polo que “urxe avanzar no procedemento para dar cumprimento a un compromiso adquirido formalmente entre dúas administracións”.
Á vista de que “os principais prexudicados son os veciños e veciñas do Folgoso do Courel aos que o predecesor de Tomé -tamén socialista- lles prometera ter acabada a residencia no 2019; solicitaremos no vindeiro pleno que o goberno provincial realice as xestións pendentes para licitar as obras e construír o centro canto antes. Unha residencia que permitiría ofrecer atención aos maiores dun concello con gran dispersión xeográfica e poboación envellecida, ademais de contribuír a fixar poboación e crear postos de traballo”, expoñen os populares.