O PP acusa ao Goberno de non avanzar no proxecto de mellora da LU-120
Os deputados populares polas provincias de Lugo e Ourense consideran “unha ofensa aos cidadáns” a resposta do Goberno a unha pregunta formulada na Cámara Baixa sobre os motivos polos que o Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana continúa redactando, dende novembro do 2017, o proxecto para a implantación de carrís de adiantamento na LU-120 entre Os Peares e Ourense. Concretamente, a resposta do Goberno a través da Dirección General de Carreteras sinala que “segue traballando de forma dilixente nos proxectos”.
Os populares cren que este “descomunal espazo temporal que ocupa a redacción dun proxecto coma este” responde a “un deliberado abandono por parte do Ministerio á hora de mellorar as comunicacións entre as comarcas de Valdeorras, Lemos e Ourense, que suporía a sensible redución dos tempos de viaxe”.
Os deputados veñen facendo un seguimento a este proxecto de trazado de implantación de carrís desta estrada nacional que contribuiría a solucionar os problemas que xeran as liñas continuas que impiden os adiantamentos durante máis de 22 quilómetros, entre o Alto da Guítara e Ourense.
Afirman que se trata “dunha notoria falta de respecto ao noso labor como parlamentarios” non dar unha data da finalización dos traballos de redacción dos proxectos, tal e como preguntaban na súa iniciativa parlamentaria. Inciden, así mesmo, en que “a necesidade da implantación destes carrís é unha demanda unánime por parte da sociedade: automobilistas, transportistas, alcaldes e distintos partidos políticos”.
Os Partido Popular resalta “urxe activar a finalización deste proxecto para que poida someterse a información pública que é paso previo á redacción do proxecto construtivo: non imos quedar quietos. Esixiremos responsabilidades por esta desidia”, conclúen.