O PP acusa ao Goberno central de falta de compromiso coa ampliación do polígono de Reboredo

RibeiraSacraXa
Os populares insisten na necesidade de buscar unha alternativa para cubrir a demanda de solo empresarial e a que poida producirse no futuro próximo
poligono-industrial-monforte
6 Apr 2025

“O Goberno de Sánchez non se compromete coa ampliación do polígono industrial do Reboredo, en Monforte de Lemos, e, ademais, corrixe ao alcalde, ao Delegado do Goberno e á responsable de Suelo Empresarial del Atlántico (SEA)”.

Esta é a conclusión dos senadores do PP lucense, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, á resposta oficial do Executivo ás preguntas formuladas de oficialmente na Cámara Alta atendendo a petición do PP de Monforte, interesado por coñecer o estado do proxecto de ampliación do polígono industrial, á vista de que o anuncio do rexedor socialista en setembro do 2023 non se traduciu aínda en obras concretas.

“Non hai nada do que anunciou o alcalde xunto ao Delegado do Goberno. Preguntamos pola situación actual da ampliación, a partida orzamentaria disposta e a previsión do Executivo para a execución da obra; pero non hai nada”, subliñan. Polo tanto, “o Goberno de Sánchez contradí oficialmente o anuncio de Tomé, Blanco e Sestayo”.

Ante as preguntas dos populares, o Goberno de España apunta que a Confederación Hidrográfico do Miño-Sil ten subscrito un convenio co Concello para a mellora do saneamento e depuración do polígono, pero nada sobre a súa ampliación.

O Partido Popular insiste na necesidade de buscar unha alternativa para cubrir a demanda de solo empresarial e a que poida producirse no futuro próximo. “A dispoñibilidade de solo industrial e a prezos accesibles é fundamental para o desenvolvemento dun territorio, a implantación de proxectos empresariais e a xeración de postos de traballo que permitan fixar poboación”, sentencian.

Os senadores engaden que “non se comprometen coa ampliación do polígono industrial e, ademais, están a bloquear os accesos ao solo empresarial que ten Monforte de Lemos no Porto Seco”.

⚙ Configurar cookies
0.063040971755981