O PP acusa a Deputación de Lugo de manter pechado o centro de día de Ribas de Sil desde 2023

RibeiraSacraXa
Ameijide e Macía denuncian a paralización das 11 prazas dispoñibles no municipio e critican a inactividade da Deputación con respecto aos oito centros de día provinciais
PP-centro-de-dia-Ribas-de-Sil-2025
23 Jul 2025

O Partido Popular de Lugo volve sinalar a inacción do goberno provincial á hora de activar servizos esenciais para a poboación maior. O voceiro popular na Deputación, Antonio Ameijide, mantivo unha reunión en Ribas de Sil coa voceira municipal, Sandra Macía, e varios concelleiros, para abordar a situación do centro de día e da residencia da localidade, ambos dependentes da institución provincial e sen uso desde o ano 2023.

Ameijide criticou que as instalacións do centro de día, con capacidade para once persoas, continúen pechadas por decisión de PSOE e BNG, algo que, segundo el, impide a conciliación de once familias do municipio. “Non hai ningunha razón lóxica para non poñer en marcha un servizo que xa está habilitado e listo para funcionar”, apuntou.

Para o portavoz do PP, este caso non é unha excepción, senón parte dun problema xeneralizado que afecta ao conxunto da provincia. Denuncia que a Deputación mantén pechadas 153 prazas nos oito centros de día que ten en propiedade —situados en Trabada, Castroverde, A Fonsagrada, Pol, Ribas de Sil, Navia de Suarna, Meira e Pedrafita do Cebreiro—, e que levan sen actividade desde 2019.

Segundo os populares, o goberno provincial incumpriu os compromisos adquiridos cando anunciou a apertura simultánea das residencias e dos centros de día. “A realidade é que se puxeron en marcha as residencias, pero os centros de día quedaron no caixón, a pesar de que os custos serían compartidos en moitos casos”, asegurou Ameijide. “Non é unha cuestión económica, senón de vontade política”, engadiu, asegurando que os gastos fixos como luz, calefacción ou parte do persoal serían practicamente os mesmos nos dous servizos.

Pola súa banda, Sandra Macía lamentou que Ribas de Sil siga sen poder contar cun recurso que considera “imprescindible” para a veciñanza. Lembrou ademais que a Deputación tamén debería vixiar o correcto funcionamento das instalacións, logo de que se rexistrasen cortes continuos de subministración eléctrica. “É urxente instalar un sistema de emerxencia que garanta a electricidade ante posibles apagóns”, apuntou, instando directamente ao presidente provincial, José Tomé, a actuar con celeridade.

Ambos portavoces coincidiron en que esta situación evidencia unha falta de compromiso real con políticas de apoio á terceira idade. Reclaman á Deputación que rectifique e poña en marcha de inmediato os centros de día que permanecen inutilizados en distintos puntos da provincia.

⚙ Configurar cookies
0.057615995407104