O Porto Seco de Monforte acollerá unha planta madeireira cunha inversión de 29,5 millóns

Monforte de Lemos contará proximamente con actividade industrial no Porto Seco tras o anuncio da implantación da empresa HMD Timber, que proxecta construír unha planta de serradoiro, fabricación de envases e embalaxes, así como comercio de madeira e derivados.
O alcalde, José Tomé, destacou a importancia deste paso para activar o recinto loxístico. “Por fin imos conseguir que o Porto Seco teña vida e empece a ter actividade empresarial e económica”, subliñou o rexedor.
A compañía ocupará catro parcelas cunha superficie total de 90.957 metros cadrados na Mazá C da área loxística intermodal. O proxecto prevé unha inversión de 29,5 millóns de euros e a creación de 34 empregos directos e máis de 500 indirectos vinculados á explotación forestal e ao transporte.
Tomé incidiu en que o Porto Seco foi clave para atraer a inversión, ao permitir que o produto final poida cargarse directamente en tren desde a plataforma ferroviaria anexa cara aos portos galegos e outros destinos. “Falamos entón dun transporte non contaminante, eficiente e sostible”, explicou Tomé.
O proxecto está pendente da súa declaración como Proxecto Empresarial Estratéxico por parte da Xunta, coa previsión de iniciar as obras na primavera de 2026. Segundo o representante de HMD Timber, Manuel Díaz Pavón, a iniciativa conta con 16 millóns de fondos propios e persegue un aproveitamento sostible da madeira galega, principalmente de piñeiro pinaster e radiata.
O rexedor lembrou que o Concello de Monforte leva tempo apostando pola modernización do tecido industrial e por dar uso ao Porto Seco. Por iso, o alcalde destacou que esta “é unha gran noticia para Monforte, para a industria monfortina e para a actividade económica e o emprego do noso Concello e da comarca”.
O obxectivo do goberno local, explicou Tomé, é replicar no Porto Seco a dinámica de crecemento que tivo O Reboredo nos últimos anos, consolidando a Monforte como polo de atracción empresarial na Ribeira Sacra.