O Polígono do Reboredo de Monforte será ampliado, superando os 800.000 metros cadrados
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informou da licitación por parte da Plataforma de contratos do sector público, a través de SEA, da ampliación do Polígono industrial do Reboredo, “que incorporará 27,5 hectáreas máis que, sumadas ás 16,5 hectáreas cedidas pola Deputación de Lugo, farán que supere os 800.000 metros cadrados, converténdose nun dos máis grandes do interior de Galicia” subliñou o rexedor.
Esta nova ampliación do Polígono industrial do Reboredo dá resposta á solicitude de ampliación que o alcalde fixo a SEA o 10 de maio de 2021, “para cubrir a demanda actual de chan empresarial, e ao mesmo tempo, proxectalo cara o futuro” explicou Tomé, “xa que o Polígono non dispón actualmente de parcelas dispoñibles para venta, e dado que hai empresas interesadas en instalarse no mesmo”.
Así, salientou que “esta petición tivo unha resposta positiva por parte de SEA e da Entidad Pública Empresarial de Suelo (SEPES), e logo das tramitacións levadas a cabo por estas entidades, coa licitación que anunciamos, a nova ampliación do Polígono do Reboredo xa é unha realidade”. Por iso, o mandatario municipal agradeceu a colaboración do Goberno de España neste proxecto, concretamente do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana.
A ampliación deste polígono supón un acordo histórico co que SEA e o Concello de Monforte responden de forma proactiva ás necesidades empresariais e industriais de Galicia.
José Tomé subliñou que “para min como Alcalde, con esta actuación, acadamos un logro importante e imos facer aínda máis atractivo o noso Polígono, con máis solo industrial, máis oportunidades para as empresas, mellor comunicado cando se acabe a Rolda Urbana e se fagan os carrís de aceleración da N-120, que están xa proxectados, e con mellores servizos para a implantación de empresas, para xerar riqueza e xerar postos de traballo, e dinamizar a economía de Monforte e da comarca”.
A ampliación, en detalle
A ampliación suporá incrementar o Polígono do Reboredo en 27,5 hectáreas máis (275.000 metros cadrados), que é un 74,20 % da superficie actual (370.600 metros cadrados).
José Tomé tamén recordou que “o pasado 26 de agosto, dende o Concello informamos doutra ampliación deste polígono, que foi posible gracias á cesión que a Deputación de Lugo levou a cabo de parcelas adquiridas no seu día por esta entidade provincial”.
Esta ampliación, que se levará a cabo pola parte noroeste, supón que a actual superficie do Polígono incrementarase en 16,5 hectáreas máis, un 44,50 % da superficie actual sinalada.
“Se contamos ambas ampliacións, que suman un total de 440.000 metros cadrados, esta é unha superficie que supera á actual do polígono en 69.400 metros cadrados . É dicir, sumando as dúas ampliacións, o Polígono de O Reboredo pasará a ter unha superficie superior ós 800.000 metros cadrados, cunha proxección de futuro moi importante”, subliñou o alcalde.