O polígono do Reboredo de Monforte contará cunha nova zona de aparcamento para camións e turismos

RibeiraSacraXa
A actuación enmárcase no programa de melloras das infraestruturas municipais, tanto no eido urbano como no medio rural
Goberno-Monforte-Reboredo
12 Xuño 2024

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, deu a coñecer “unha nova obra de mellora para o Polígono industrial do Reboredo, que o dotará dunha nova infraestrutura que se engade ao conxunto de medidas de impulso, medidas de consolidación e medidas de crecemento e que nos últimos tempos permítenlle gozar de moi boa saúde”.

A actuación proxectada polo Executivo de José Tomé consistirá na construción dun novo aparcadoiro “moi necesario para mellorar os servizos que ofrece este polígono e co que queremos paliar un déficit existente no Polígono do Reboredo, xa que o aparcamento que existe na zona onde se construirá o novo é insuficiente e tampouco reúne as condicións mínimas dunha instalación deste tipo”.

A actuación enmárcase no programa de melloras das infraestruturas municipais, tanto no eido urbano como no medio rural, e no propio Polígono do Reboredo que leva desenvolvendo e executando o Alcalde e o seu Equipo de Goberno dende o ano 2015.

“Creo que esta actuación anunciada hoxe dun novo aparcamento para esta área industrial, contribuirá a que sigamos facendo aínda máis atractivo o noso Polígono, con máis solo industrial, máis oportunidades para as empresas, mellor comunicado e con mellores servizos para a implantación de empresas, para xerar riqueza e xerar postos de traballo”, salientou José Tomé.

Novo aparcamento para camións e turismos no Polígono do Reboredo

O rexedor explicou que o aparcamento actual, na marxe esquerda da vía principal do Polígono, fronte as empresas Oviganic e a Gallaecia Delicatessen, ten unha superficie dun 2.200 m² e é maioritariamente utilizado con camións. Actualmente é unha explanada sen ordenar e cun pavimento asfáltico bastante deteriorado.

Esta zona presenta, na súa maior parte, un firme de terreo vexetal con zonas moi húmidas, excepto na zona do aparcamento existente, que é un firme asfáltico e unha zona con bordos de formigón. Coa obra que iniciará o Concello nos vindeiros meses, construirase un novo aparcamento cunha superficie total de 6.400 m², o triplo que a superficie actual, cun pavimento de aglomerado asfáltico en toda a calzada e de formigón semipulido na beirarrúa perimetral que o circunda.

A capacidade total do aparcamento será de 17 camións e 64 turismos. Ademais, e tal e como esixe a normativa vixente, contará con 2 prazas de aparcamento adaptadas e 4 prazas con cargadores eléctricos. As prazas de aparcamento para turismos terán unhas dimensións de 5x2,50 metros, mentres que as de camións serán de 17x3,50 metros.

En canto á dotación de servizos, contará con zonas verdes e árbores que darán sombra ás prazas de aparcamento, instalaranse 3 fontes de auga potable e 2 zonas para contedores de residuos sólidos urbanos, instalación de pluviais para recoller todo a auga da choiva da zona e sumidoiros, iluminación pública, con luminarias LED sobre columnas metálicas de 12 metros, instalación de electricidade para alimentar os cargadores eléctricos das catro prazas mencionadas, rede de telecomunicacións, para dar servizo ás 6 cámaras de videovixilancia que se instalarán nesta zona e rede de abastecemento para dar servizo ás 3 fontes sinaladas.

O desenvolvemento dos traballos proxectados para a creación deste novo aparcamento no Polígono do Reboredo comezarase pola apertura de caixa, así como ao compactado e perfilado da caixa, coa posterior carga e transporte dos produtos sobrantes da escavación. Procederase tamén ao levantado do firme granular nas zonas en que é necesario, así como dos bordos existentes.

Despois, colocarase unha base de zahorra compactada en toda a zona de actuación. Seguidamente colocarase o bordo de formigón que separa a calzada das beirarrúas peonís e das zonas verdes. Como capa de rodadura colocarase unha capa de aglomerado en quente de 5 cm. de espesor. Na zona das beirarrúas colocarase un pavimento de soleira de formigón e procederase ao recalce das tapas que sexa necesario.

Pola súa parte, realizaranse as zanxas necesarias para a colocación das canalizacións de pluviais, de abastecemento, de electricidade e telecomunicacións, así como as de iluminación pública. Así mesmo, colocaranse todos os elementos necesarios, como pozos de rexistro, arquetas, sumidoiros de calzada, telecomunicacións, cimentación e columnas da iluminación pública…

Unha vez terminada a capa de rodadura, procederase ao pintado de marcas viarias continuas ou descontinuas, as liñas de bordo ou eixo de calzada, así como símbolos, cebreados e letreiros.

Finalmente, procederase ao recheo con terra vexetal, así como o preparado do terreo e posterior sementa de céspede. Tamén se plantarán as árbores e colocaranse 3 fontes.

Orzamento e prazos

Para esta actuación, o Concello destina un orzamento de 305.250,57 euros, IVE engadido. Dende o Concello solicitouse unha subvención á Consellería de Economía e Industria, e foille concedida unha axuda de 120.000 euros, é dicir, o 39,31 % do solicitado, aportando o Concello 185.250,57 euros, o que equivale ó 60,69 %, practicamente o 60 % do orzamento.

O vindeiro 17 de xuño aprobarase o proxecto en Xunta de Goberno e ó día seguinte, o martes 18 de xuño, sairá a licitación coa súa publicación na Plataforma de Contratación do Sector Público. O prazo para a presentación de ofertas será ata o luns 15 de xullo e as mesas para a apertura dos correspondentes sobres serán o 17 e o 24 de xullo. Unha vez licitado e asinada a acta de replanteo, o prazo de execución da obra estimámolo en 2 meses.

O rexedor concluíu salientado que “é un día importante para o desenvolvemento e mellora do Polígono, un paso máis na folla de ruta de melloras que dende este Equipo de Goberno estamos levando a cabo no Polígono Industrial do Reboredo, cuxa promoción e mellora é un dos piares da miña acción de goberno, dende que cheguei á Alcaldía.”

0.19042491912842