O polígono agroforestal de Sabadelle, en Chantada, permitirá a posta en valor de 38,68 hectáreas de terreo

RibeiraSacraXa
O polígono xa foi declarado de utilidade pública e actualmente atópase en fase de “Acordo de inicio”
terrenos-poligono-agroforestal-sabadelle
Terrenos do polígono agroforestal de Sabadelle
16 Jan 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou en Chantada a importancia dos instrumentos de mobilización da Lei de recuperación da terra agraria para dinamizar e facer rendible o rural, tanto dende o punto de vista económico como social e ambiental, contribuíndo tamén a fixar poboación.

A conselleira, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e polo alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, visitou esta tarde o polígono agroforestal de Sabadelle, situado neste municipio lucense e que permitirá a posta en valor de 38,68 hectáreas de terreo, distribuídas en 114 parcelas de 80 propietarios. Neste caso, subliñou Gómez, cobra especial relevancia, como elemento dinamizador, o gando en extensivo, que tamén desempeña un labor socio-ambiental e de prevención de incendios que cómpre ter en conta.

Este polígono xa foi declarado de utilidade pública e actualmente atópase en fase de “Acordo de inicio”. Este é o primeiro paso do procedemento para iniciar o desenvolvemento do polígono agroforestal.

Nesta visita, a titular de Medio Rural explicou que os polígonos agroforestais son instrumentos para a recuperación e posta en produción de terras de boa capacidade produtiva, que se encontren en estado de abandono ou infrautilización ou sexan susceptibles de optimización, coa finalidade de constituír áreas de explotación que garantan a súa rendibilidade.

Seis polígonos na provincia de Lugo

Neste contexto, a conselleira salientou ademais que o de Sabadelle é un dos seis polígonos con que conta a provincia de Lugo e que, en conxunto, suman máis de 290 hectáreas, distribuídas en mil parcelas duns 500 propietarios. Trátase, ademais deste de Chantada, dos de Ver (no concello de Bóveda); Loio (Paradela); Xesto (O Saviñao); Barcia (Navia de Suarna) e Carballedo (este último abrangue superficie de dúas provincias, con terreos no municipio lugués de Carballedo e no ourensán da Peroxa). En toda Galicia existen actualmente 34 polígonos agroforestais, cunha superficie mobilizada de máis de 9.500 hectáreas, distribuídas en 9.200 parcelas de case 31.600 propietarios.

 

0.16627788543701