O poder do campo holandés

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
Coa nosa VOZ, artículos do escritor Pablo Veiga, que trata os temas de actualidade cun toque persoal e atentendo a esta provincia.
Pablo Veiga foto 2022
12 Apr 2023

Por Pablo Veiga

Recentemente celebráronse eleccións locais e rexionais en Holanda, e a sorpresa veu dada polo magnífico resultado dunha organización política denominada Movimento Campesiño Cidadán.

Este país é un dos máis avanzados da Europa Comunitaria e actualmente denomínase Países Baixos, nome que ven motivado porque case un tercio do seu territorio se atopa por debaixo do nivel do mar. Unha grande obra de enxeñería, coa construcción de barreiras e diques, impide que o océano devore campos e localidades, existindo vida e produción, agraria e industrial, nese terreo que foi conquistado á Natureza.

Se alguén viaxa ao longo desta nación, que é unha monarquía parlamentaria, descubrirá zonas rurais con cantidade de granxas de vacún –de leite e de carne-, de ovellas e cochos, así como extensas fincas cultivadas de flores. Chama a atención o verde dos prados, incluso no verán, que adoitan estar rodeados de canais de auga por todas partes e que amosan unha cor verde constantemente.

Sen ningún xénero de dúbidas, Holanda é un dos estados máis puxantes no noso entorno e as súas xentes amosaron sempre un carácter emprendedor. Os indicadores están aí; o desemprego, inferior ao cinco por cento e a renda per cápita é o dobre da que temos nosoutros aquí en Galicia. Por certo, a emigración galaica tamén tivo neste país un dos seus destinos.

Voltando a esas eleccións locais, cómpre analizar as causas dese resultado obtido polo citado Movimento Campesiño Cidadán, que está a ser capitaneado por unha xornalista. Esta forza emerxeu de súpeto grazas en parte a un malestar xeral de agricultores e gandeiros –os cales apenas representan o dous por cento da poboación activa- ás medidas que se están a impoñer desde o goberno central para mellorar as condicións medioambientais. Esas normas afectan de cheo ás explotacións holandesas, xa que esa normativa que se pretende implantar levaríase por diante tres de cada dez granxas lácteas e porcinas, ao non ser capaces de adaptarse aos obxectivos de redución das emisións de CO2 que se pretenden. As protestas de labregos e gandeiros agudizáronse nos últimos tres anos, con tratoradas e marchas multitudinarias, poñendo contra as cordas ao mesmo goberno, ata o punto de ter un partido político propio que ven de obter un espectacular resultado nas urnas. A voz do campo holandés escoitarase con máis forza que nunca a partir de agora e non lles quedará máis remedio aos dirixentes do país que consensuar esas decisións que se estaban a tomar desde os despachos. A democracia ten estas cousas; o descontento dun sector como o agrario e gandeiro, que produce alimentos para consumo dos seus compatriotas e que exporta ao exterior, manifestouse nunhas votacións. Quere seguir producindo, creando riqueza e dándolle de comer á poboación. Por suposto que os problemas co medio ambiente están aí e máis nunha zona moi sensible polas súas  especiais características.  Pero a súa protección debe compatibilizarse co dereito a seguir coa actividade.

O pobo holandés acaba de dar unha lección. Igual cumpriría tomar nota.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18628907203674