O Pleno do Concello de Chantada rexeitou unha moción presentada por Por Chantada sobre melloras no eido deportivo

Por Chantada lamenta que as melloras que pretendía para o deporte da vila non se vaian poder facer efectivas, dada a férrea oposición do partido de goberno, mais tamén do PSOE, salienta a concelleira Fernádez Montes.
A moción, que comezaba contextualizando a situación e a perspectiva da agrupación sobre o deporte en Chantada, ademais de falar con distintos colectivos e persoas vencelladas ao mundo do deporte, propoñía unha relación detallada de diferentes medidas sobre a mellora das instalacións (construción de pistas multideporte, maior oferta de espazos para o deporte infantil libre, mellora no mantemento das instalacións existentes...); mellora da xestión das escolas deportivas (de organización, de posta en valor do respecto e a igualdade e de mellora do sistema de financiamento -sen propoñer en ningún momento a suba das cotas, como no debate se pretendeu insinuar-); e de mellora no tratamento e apoio aos clubes (introducindo criterios obxectivos e públicos).
“Xa non tiñamos demasiadas esperanzas en que se apoiara na súa integridade, xa que sempre critican que presentemos mocións longas”, di a concelleira. “Simplemente intentamos ser serias e traballar ben cadaproposta que levamos ao Pleno, propoñendo o máximo para que, tras o debate político que se debera dar no pleno, o resto de agrupacións manifesten que aspectos comparten e cales non, e propoñan as súas emendas para que, finalmente, se aproben os puntos nos que, coa xenerosidade de todas, consigamos chegar a acordos polo ben da nosa vila”.
Pero non foi posible obter o apoio a nin unha soa das medidas. Lonxe diso, di Fernández, “só houbo críticas en termos pouco respectuoso, tanto por parte da oposición como polo goberno que, por suposto, están no seu dereito de discrepar en parte e no todo, mais resulta sempre innecesario e contraproducente para o debate democrático de calquera cuestións, utilizar expresións como “non hai por onde collela” ou “esto non vale para nada”, nas que coincidiron ambos grupos sen, por suposto, presentar emendas ou propor alternativas para chegar a acordos nalgúns puntos”.
Ao PP, di “sobráballe todo” e ao PSOE “faltáballe concreción, cuestionando radicalmente a aposta de Por Chantada de primar a calidade sobre a cantidade nas Escolas deportivas xa que, o xuízo dos socialistas, debe ser xusto ao revés”. E, sobre “definir un modelo de financiamento que sexa sustentable sen rebaixas na calidade, que dicía literalmente a moción, os socialistas estiraron a hermenéutica para querer interpretar un pretendida suba de cotas da que en ningún momento falou Por Chantada caendo nunha falacia”.
O Pleno, a xuízo da agrupación, “é un espazo cada vez máis hostil e con menos virtualidade política”. “Nin sequera se respectan as normas da periodicidade estabelecidas para a súa celebración e os cambios non son nunca consensuados, senón que os impón unilateralmente o partido de goberno segundo lle vaia ben”.
Tampouco foi adiante a moción para posicionarse en contra do financiamento de Altri con fondos europeos que, se ben foi apoiada polos socialistas, non así polo partido do Goberno que di non ter argumentos para desacreditar no proxecto de Altri.