O pleno da Deputación rexeita unha moción do PP sobre a futura residencia de maiores de Folgoso do Courel

RibeiraSacraXa
Os deputados populares pedían iniciar de inmediato os trámites para a construción deste centro, comprometida dende o ano 2018
pp-lugo-residencia-folgoso
30 Apr 2025

Os deputados populares critican que o goberno de PSOE e BNG rexeitou no pleno deste mes unha iniciativa na que pedían á Deputación de Lugo que inicie de inmediato os trámites para a construción da residencia de maiores de Folgoso do Courel, comprometida dende o ano 2018.

Acusan ao goberno de José Tomé de “tomar as súas decisións mirando unicamente a cor política que goberna cada municipio”. PSOE e BNG, explican os populares, “quixeron rachar o convenio asinado ao presentar unha emenda de substitución á iniciativa do Grupo Provincial Popular para que en lugar de construír a residencia a Deputación (segundo establece o convenio asinado) e que sexa a Xunta de Galicia a que a construíse”.

Os populares aproveitan para “agradecer o esforzo realizado por Lola Castro e medio cento de veciños de Folgoso do Courel” que hoxe se achegaron ata o pleno provincial para escoitar de primeira man “as escusas de PSOE e BNG para seguir negando a construción da residencia comprometida hai xa 7 anos”.

Neste senso, os deputados populares afirman que “seguiremos traballando ata que PSOE e BNG cumpran con todos os veciños de Folgoso do Courel” que levan sete anos agardando a contar con este centro de atención a maiores “unha necesidade moi importante no municipio”.

O convenio para a construción desta residencia asinouse en 2018. O Concello de Folgoso, din os populares, cumpriu con todas as obrigas que lles asignaba o convenio, entre as que se atopan a posta a disposición dos terreos, no ano 2019, e, posteriormente, a resolución da licenza de obra, o 13 de xaneiro de 2022, despois de que a Deputación de Lugo corrixise os numerosos erros detectados no proxecto que inicialmente se presentase dende o goberno provincial.

Unha década de agarda

No ano 2015 comezaron as conversas para a creación do convenio inter administrativo entre o Concello de Folgoso do Courel e a Deputación de Lugo, un acordo que se asinou en 2018 e que tivo que prorrogarse en dúas ocasións.

O investimento necesario estimouse en 1.400.000 euros, dos cales a Deputación aportará 1.200.000 euros e se encargará, entre outros cometidos, de licitar, adxudicar e xestionar os contratos de obra e servizos precisos, correspondendo ao Concello de Folgoso do Courel achegar 200.000 euros e, entre outros, aportar os terreos necesarios para a construción da residencia e o centro de día.

O 11 de decembro de 2019 se solicitou a prórroga do convenio xa que remataba a finais dese ano e se asinou a prórroga da addenda ao convenio entre a Deputación de Lugo e o Concello de Folgoso do Courel para a execución dos fins comúns consistentes na construción de residencia e centro de día da terceira idade, aprobada anteriormente na xunta de goberno do 23 de xaneiro do 2018 e rectificada na xunta de goberno provincial do 23 de xaneiro do 2020, ampliando ata o 31 de decembro do 2021.

Neste tempo, o 18 de xuño de 2020, a alcaldesa de Folgoso do Courel mantivo unha reunión co presidente da Deputación para tratar, entre outros temas, a construción da residencia, manifestando José Tomé “o seu total compromiso, tal e como se constata na addenda ao convenio de seguir adiante coa tramitación para sacar a construción da residencia adiante”.

Visto que a finais do ano 2021 se asinou segunda addenda de prórroga, tendo como data límite para a construción da residencia o mes de xullo de 2025.

Incluso, a alcaldesa Lola Castro solicitou unha nova xuntanza con José Tomé, que finalmente foi co deputado delegado, Pablo Rivera, onde se explicou que tiñan que revisar o proxecto polo aumento dos prezos dos materiais coa intención de evitar problemas de licitacións desertas como esta a ocorrer noutras residencias.

⚙ Configurar cookies
0.17567300796509