O Pleno da Deputación reclamará á Xunta que garanta as prazas públicas en residencias

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Corporación acorda solicitar á Xunta un maior investimento que garanta prazas públicas en residencias para os maiores
25 Apr 2023

Acordada a actualización do Inventario de Bens e Dereitos da Deputación de Lugo coa adhesión do patrimonio da extinta Suplusa e a compra e construción de novos espazos durante o mandato.

A institución provincial aprobou no último pleno da lexislatura reclamar á Xunta de Galicia que asuma as súas competencias e garanta prazas públicas en residencias para os maiores da provincia de Lugo grazas aos votos do PSdeG e do BNG. A voceira socialista do Goberno sinalou que na actualidade a institución provincial conta con 260 prazas en 9 centros, e outros 9 en marcha.

“O modelo da Deputación enfróntase a un modelo privado, masificado e deficiente, polo que se aposta dende a Xunta, e chega a un coidador por residente. Este modelo foi invitado a participar na Semana Europea das Rexións; recoñecido polo Goberno do Estado, que invitou á institución a participar na reunión do PERTE sobre a Economía Social e dos Coidados, e tamén suscita interese doutras administracións, como a Deputación da Coruña, que recentemente anunciou un proxecto deste tipo”, destacou García Porto.

Galicia ten un déficit de 14.000 prazas en residencias de acordo cos parámetros establecidos pola Organización Mundial da Saúde, que recomenda contar cun número de prazas equivalente ao 5% da poboación de máis de 65 anos. Así mesmo, a Xunta dedica a Servizos Sociais un 8,5% do seu orzamento global, 1.077 millóns de euros “un investimento que está moi por debaixo do da institución provincial que achega o 33%, 30M€”.

García Porto recordou que “nós sempre dicimos que queremos cumprir cos nosos veciños, e facémolo con moitas esixencias pero sen a complicidade do PP, e pedimos que nos unamos para que a Xunta asuma as súas competencias na atención a maiores e que creen as prazas que tanto merecen e necesitan na nosa provincia”. Aclarou tamén que non se lle pide á Xunta que “leve aos nosos maiores”, se non que a reclamación é o financiamento da rede de Centros de Atención a Maiores da Deputación porque “as competencias son da comunidade e levan 20 anos desatendendo aos nosos maiores. Pero non só a eles, tamén á sanidade, á educación e aos servizos sociais”.

Así mesmo, respondeu ao PP que en Antas de Ulla non van facer unha residencia, “se non que hai unha dende hai 30 anos e agora o que fai a Xunta é derruír o edificio para, despois de 30 anos agardando, rehabilitar a segunda planta. Despois de 30 anos”.

Rematou incidindo en que a insuficiencia de prazas “obrigou á Deputación á posta en marcha desta rede de centros, que permite cubrir as necesidades da veciñanza, cun modelo envexable que a Xunta non recoñece, pero tampouco financia”.

Aprobación do Inventario provincial

No Pleno deste martes acordouse así mesmo a actualización do Inventario de Bens e Dereitos da Deputación de Lugo. Neste caso, e unha vez extinguida a Sociedade Urbanística Provincial de Lugo S.A. (Suplusa), e non existindo entidades con personalidade xurídica propia, incorpórase a este documento o patrimonio de titularidade de Suplusa, así como os bens adquiridos durante o mandato.

Entre as variacións, en relación co inventario do ano 2015, figuran a apertura dos centros de maiores de Pol, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil, así como a compra das parcelas que conforman o Centro Xeográfico de Galicia, en Antas de Ulla.

A Deputada de Economía, Facenda e Especial de Contas, Mayra García Bermúdez, concluíu  que este novo informe identifica os inmobles cun número de referencia catastral e coordenadas, así como unha fotografía e a incorporación dun plano. O Inventario foi realizado única e exclusivamente por persoal da institución provincial e con medios propios.

Acordo para pedir a reparación integral da N-540

O BNG tamén propiciou o acordo da corporación provincial para reclamar ao goberno do Estado a reparación integral do firme da estrada N-540, entre Lugo e Ourense. A proposta, aprobada por unanimidade, insta ao goberno central a actuar de forma urxente para darlle unha solución definitiva ao firme desta estrada, que deteriora os vehículos e prexudica á veciñanza e ao tecido económico das zonas polas que pasa.

No tocante ás infraestruturas, o BNG reiterou no Pleno provincial o seu compromiso coa demanda da modernización da vía de ancho métrico entre Ribadeo e Ferrol, reclamada por última vez no Congreso polo deputado Néstor Rego o pasado mes de marzo. No decurso do debate dunha moción do Partido Popular sobre a renovación da frota que opera nesta liña, o voceiro nacionalista Efrén Castro puxo de manifesto a “demagoxia” dos populares que “cando gobernan en Madrid non protestan por isto”

O voceiro nacionalista Efrén Castro recordou que foi un ministro do Partido Popular, Iñigo de la Serna, agora no círculo máis estreito de Feijóo, quen dixo que “a electrificación da vía na Mariña non era unha prioridade”. Como consecuencia, explicou, “ Asturias e Cantabria teñen a vía electrificada, pero A Mariña, non” e “26 dos 31 trens que o goberno do Estado deseñou coas medidas inadecuadas tampouco poderían utilizarse para este servizo porque son eléctricos”.

Restitución da letra orixinal do himno galego

O pleno provincial tamén aprobou unha proposta de goberno impulsada polo BNG para reclamar a restitución da letra orixinal do Himno Galego. En liña coa Iniciativa Lexislativa Popular rexistrada no Parlamento pola Federación de Asociacións Culturais Galegas, Galiza Cultura, e da Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza, Vía Galega, a proposta solicita a modificación da Lei de Símbolos de Galicia para recuperar o texto fidegno do Himno Galego, de acordo co texto orixinal e autorizado polo seu autor, Eduardo Pondal.

A versión agora recollida nesta norma contén erros de puntuación e presentación formal, castelanismos e hiperenxebrismos (ronco por rouco ou iñorantes por ignorantes), formas idiomáticas falsas, inexistentes no poema de Pondal e na lingua galega (féridos por férridos) e deturpacións da expresión orixinal (chan por clan).

A proposta aprobouse coa abstención do Partido Popular comprometendo á Deputacíon de Lugo na demanda da restitución da letra orixinal.

Declaración Institucional en apoio ás persoas con lupus

Ao inicio do Pleno, a Corporación provincial aprobou unha Declaración Institucional en apoio e recoñecemento das persoas con lupus con motivo do Día Mundial desta doenza, que se celebra o 10 de maio. Este documento contou co visto bo dos deputados do PSOE, BNG e PP, que reclaman “unha atención coordinada e multidisciplinar que permita prestar unha atención e apoio psicosocial especializada aos doentes con lupus, independentemente do seu lugar de residencia. Isto resulta especialmente necesario en entornos de poboación rural, como a provincia de Lugo”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.074985980987549