O BNG saca adiante na Deputación unha proposta para reclamar á Xunta máis fondos para o SAF
O BNG impulsou un acordo do pleno provincial para reclamar á Xunta de Galicia e ao Estado o financiamento íntegro do Servizo de Axuda no Fogar, que garanta a cobertura e a mellora deste servizo fundamental para as persoas dependentes e para as súas familias sen afogar as economías municipais.
A Xunta asigna aos concellos unha cantidade de horas anuais para o SAF ás persoas dependentes e transfire 12 euros por cada unha delas cando a prestación do servizo supón, para a maioría dos concellos, custos por riba dos 19 euros. Ademais, as entidades municipais teñen que facer fronte con fondos propios ao SAF de libre concorrencia, cos que atenden as persoas que están agardando polo recoñecemento da dependencia.
A deputada Iria Castro sinalou que esta situación “ten secuestrada a economía dos concellos”, que están investindo fondos en competencias que non son propias, e urxiu á Xunta de Galiza “a revisar do financiamento para garantir a cobertura e a mellora deste servizo, que permite que as persoas dependentes poidan estar nas súas casas coa atención que requiren”.
Nesa liña, lembrou que a última actualización do RD que regula as prestacións do servizo de autonomía persoal e atención a dependencia incrementa as horas de atención ás que teñen as persoas dependentes - ata os 37 horas para dependencia de grado I, de 38 a 64 horas para dependentes de grado II, de 65 a 94 horas para dependentes de grado II- o que suporá un incremento de custos do 43 por cento.
“Se a Xunta e o Estado non financian o SAF na súa totalidade este servizo será inviable para os concellos galegos, e os que os van sufrir son ás veces os veciños que necesitan esta atención”, advertiu a deputada nacionalista, que recriminou aos deputados e deputado do Partido Popular -que se abstiveron na votación- “que pensen máis no partido que na veciñanza”.
ENTE FERROVIARIO
O BNG sacou adiante tamén unha moción na que reclama ao goberno Estado axilizar e incrementar os investimentos nas infraestruturas e servizos ferroviarios da provincia, para ofrecer unha alternativa de transporte realmente útil para a cidadanía.
A proposta, aprobada cos votos do goberno provincial, sinala as prioridades da provincia: axilizar a electrificación das conexións Lugo-Ourense e Lugo-A Coruña, remodelar a liña do antigo FEVE (Ferrol-Ribadeo) e iniciar os estudos da variante Curtis-Ordes para unir Lugo con Compostela, e insta á Xunta de Galiza a reclamar as competencias ferroviarias -recoñecidas no Estatuto – para crear un ente público de xestión ferroviaria.
“A cidade e a provincia de Lugo teñen que deixar de estar marxinadas en materia de infraestruturas ferroviarias. É preciso poñer a Lugo no mapa e comunicar á nosa veciñanza”, reclamou a deputada Iria Castro que lembrou a última perda de servizos que afronta a provincia, coa suspensión da conexión diúrna entre Monforte e Lugo.
A deputada provincial reprobou a posición do Partido Popular que se opuxo á proposta e “bota balóns fóra” eludindo reclamar a xestión das competencias ferroviarias e escondéndose detrás do deputado do BNG no Congreso Néstor Rego a súa falta de compromiso coas infraestruturas galegas, tanto nos anos de goberno como de oposición en Madrid.
Desdobramento do corredor Nadela-Sarria- Monforte
En relación coas infraestruturas, aprobouse por unanimidade unha moción para instar a Xunta de Galicia a executar a obra do desdobramento da totalidade do trazado do corredor Nadela-Sarria Monforte, presentada polo PSdG.
O vicepresidente da Deputación e deputado provincial Efrén Castro reclamou ao goberno galego que concrete “uns prazos razoables para a execución das obras no corredor”, que conta cun total de 54 quilómetros.