O Plan Único de Taboada será destinado á mellora de pistas e do pavillón municipal
O Concello de Taboada recibirá do Plan Único da Deputación de Lugo máis de 330.000 euros que serán destinados á mellora de camiños e accesos municipais, o servizo de axuda a domicilio e a creación de cinco postos de traballo na vila.
Este investimento contribuirá a mellorar as infraestruturas viarias municipais, realizar obras en diversas instalacións públicas e deportivas, así como incentivar a creación de emprego. E no eido dos servizos sociais, permitirá reforzar o sistema de axuda no domicilio e contratar persoal para atender a demanda existente.
Con cargo a este orzamento do organismo provincial, realizaranse a pavimentación de accesos nos seguintes puntos; O Curro, Fontefría, Igrexa de San Pedro de Bembibre, A Seara, Valboa, Quinzán, Montecelos, e na Rúa Nova en Taboada.
Tamén haberá obras de afirmado e pavimentación de accesos en varios puntos do Concello. Concretamente en dous tramos en San Martiño de Couto, noutros dous tramos de Maxal, así como na Facha e en Sonán. Esta inversión inclúe tamén melloras no acceso a ribeiras de Sobrecedo (zona de Valdomende), e no acceso a ribeiras en Mourulle e na zona do Clube Náutico.
As instalacións deportivas de Taboada tamén están incluídas no Plan Único, xa que se realizarán obras de mellora nos vestiarios do campo de fútbol da Medela-Xosé Anxo Varela "Canti", ademais dun cambio parcial na cuberta no Pavillón Municipal de Deportes.
No que atinxe aos servizos sociais, o Concello de Taboada poderá investir un montante económico de máis de 24.000 euros destinado ao servizo de axuda ao fogar (SAF), para contratar persoal e responder á demanda existente na vila.
Por último, na creación de emprego, a través do Programa Fomento de Emprego da Deputación, “permitirá contratar a tres peóns a xornada completa durante 6 meses, e tamén a dous 2 oficiais a xornada completa durante 6 meses”, remarcou Roi Rigueira.