O plan de mellora da seguridade dos peregrinos contempla a actuación en tres treitos do Camiño de Inverno ao seu paso por Quiroga

RibeiraSacraXa
En concreto, intervirase no tramo comprendido entre O Soldón e Sequeiros, na saída do casco urbano de Quiroga ata as inmediacións da Ponte de San Clodio e no que discorre desde a Ponte de Ferro
camiño-de-inverno-quiroga
26 Feb 2026

A Xunta de Galicia someteu a información pública o proxecto para acondicionar varios puntos do Camiño de Inverno no municipio de Quiroga. Esta iniciativa, incluída no plan de mellora da seguridade dos peregrinos con vistas ao Xacobeo 2027, prevé tres intervencións dentro do termo municipal e establece un prazo de execución de 18 meses.

No tramo entre O Soldón e Sequeiros, onde na actualidade os camiñantes comparten percorrido coa N-120, proponse habilitar un itinerario alternativo de algo máis de medio quilómetro. O novo trazado discorrería entre a estrada e a vía do ferrocarril, apoiándose parcialmente nun camiño de terra existente e adaptando o seu perfil para que a pendente non supere o 12 %.

Tamén se prevé unha actuación á saída do núcleo urbano de Quiroga ata as proximidades da Ponte de San Clodio. Neste punto, o Camiño deixa de coincidir coa LU-933 e proxéctase unha senda diferenciada do tráfico rodado, paralela á calzada. A intervención inclúe o acondicionamento do firme na zona de enlace coa N-120 e a mellora puntual da plataforma antes de cruzar cara á ponte.

O terceiro ámbito de obra sitúase desde a Ponte de Ferro e esténdese ao longo de máis dun quilómetro. A proposta consiste en habilitar un percorrido pola marxe dereita da vía, ampliando a plataforma nos puntos necesarios, especialmente no cruce cara ao núcleo de Espandariz, e empregando camiños xa existentes para volver conectar coa LU-933. Nas zonas con menor dispoñibilidade de espazo optararase por solucións adaptadas á contorna, como gabias transitables.

O investimento previsto por Turismo de Galicia en Quiroga ascende a 629.853,69 euros, o que representa preto dunha cuarta parte do orzamento total destinado ao conxunto do Camiño de Inverno.

O anuncio foi publicado no Diario Oficial de Galicia o 19 de febreiro, abrindo un prazo de 30 días hábiles para a presentación de alegacións e para revisar posibles afeccións a bens e dereitos recollidos no proxecto, que pode consultarse integramente na páxina web da Axencia de Turismo de Galicia.

0.12122011184692