O piloto monfortino Eduardo Iglesias visitou aos nenos e nenas ingresados no HULA
Os nenos e nenas ingresados na área de hospitalización do servizo de Pediatría do Hospital Universitario Lucus Augusti recibiron a visita do piloto monfortino Eduardo Iglesias.
Xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, Iglesias entregoulles agasallos nas vésperas do Nadal e respondeu ademais a todas as cuestións dos cativos sobre a súa vindeira participación no Rally Dakar 2025, unha proba na que competirá por sexta vez. Ademais, brindoulles a oportunidade de subir nunha mini moto eléctrica que fixo as delicias dos máis pequenos.
A Delegación territorial da Xunta, en colaboración coa área de humanización do HULA, impulsou esta iniciativa co fin de levar ilusión e entretemento aos nenos e nenas que teñen que pasar estas datas de Nadal ingresados no hospital.
Na visita estiveron tamén presentes o xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, e a directora de Atención Hospitalaria, Montserrat Ortiz, entre outros membros do equipo directivo da área.
O monfortino Eduardo Iglesias é o único piloto galego que competirá no próximo Rally Dakar, que comezará o vindeiro 3 de xaneiro en Arabia Saudita.
Iglesias conta coa colaboración da Xunta a través da Axencia de Turismo de Galicia para usar esta proba como escaparate internacional das bondades da comunidade como destino, e da Secretaría Xeral de Deportes, en recoñecemento ao piloto como referente do deporte galego.