O piloto de motos Eduardo Iglesias foi recibido en Monforte despois de quedar 75º do Rally Dakar

RibeiraSacraXa
O equipo de Goberno de Monforte recibiu a Eduardo Iglesias, piloto monfortino de motos que participou na última edición do Rally Dakar, disputado en Arabia en xaneiro deste ano 2024 e que rematou no posto 75 da clasificación xeral.
piloto Eduardo Iglesias Concello Monforte
7 Feb 2024

O equipo de Goberno de Monforte recibiu a Eduardo Iglesias, piloto monfortino de motos que participou na última edición do Rally Dakar, disputado en Arabia en xaneiro deste ano 2024 e que rematou no posto 75 da clasificación xeral.

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca; a tenente de alcalde, Gloria Prada; e o concelleiro de Obras e Servizos, José Luís Losada, felicitaron ao piloto monfortino “pola súa participación e logros acadados nesta importante competición deportiva, e por ter acadado a súa segunda mellor participación neste ano 2024, tras o mellor posto acadado en 2021 (53º)”, destacou o rexedor.

Na visita, o piloto monfortino, acompañado por Jesús Veloso, membro do seu equipo, fíxolle entrega ao alcalde dunha camiseta conmemorativa e unha fotografía enmarcada. Eduardo Iglesias tamén mostrou a medalla que recibiu por rematar esta dura proba, na que dos 19 pilotos de motos españois que se inscribiron no Dakar deste ano, só 6 conseguiron chegar á meta final e acabar o rally e deses 6 pilotos que finalizaron, Eduardo Iglesias acadou o 3º mellor posto.

Eduardo Iglesias, na súas cinco participacións consecutivas, rematou a proba en catro delas: en 2020, quedou no posto 94, en 2021 no posto 53, en 2022 no posto 78 e 2024 no posto 75. En 2023, un accidente sufrido na etapa prólogo impediulle seguir en competición. Polo tanto, das 4 veces en que rematou a proba, a segunda mellor clasificación foi a acadada en 2024.

Colaboración do Concello de Monforte e da Deputación de Lugo

O Concello de Monforte foi un dos patrocinadores destacados, xunto coa Deputación de Lugo, do piloto monfortino. En concreto, o Concello aportou 5.000 euros para apoiar esta participación, que se suman ós 15.000 euros aportados pola Deputación de Lugo.

“Dende o primeiro ano, no Concello decidimos apoiar a participación de Eduardo Iglesias no Dakar, e facémolo porque queremos apoiar o talento e o esforzo dun dos deportistas da nosa cidade”, destacou o rexedor municipal. D

este xeito, a imaxe da cidade de Monforte de Lemos, da Ribeira Sacra e da provincia de Lugo estiveron presentes no uniforme e na moto do piloto, significando unha importante proxección internacional das mesmas, dada a enorme repercusión mundial que ten a que é a proba de motor máis importante do mundo, tanto en medios de comunicación nacionais e internacionais como nas diferentes canles dixitais e redes sociais, con máis de 200 millóns de telespectadores.

O Alcalde concluíu manifestando que “en nome de todos os monfortinos e monfortinas, felicitamos a Eduardo Iglesias por este novo éxito na súa quinta participación neste rally Dakar, porque o feito de que rematara a proba e que o fixera no posto 75, é motivo para sentirnos todos orgullosos del”, concluíu.

0.21627902984619