O persoal da DomusVI de Monforte concentrarase polos recortes de persoal e medios

RibeiraSacraXa
O vindeiro luns 23 de outubro, o persoal da residencia DomusVi de Monforte de Lemos concentrarase pola falta de profesionais e de medios para atender os residentes.
residencia monforte domus VI rua morin
21 Out 2023

O vindeiro luns 23 de outubro, o persoal da residencia DomusVi de Monforte de Lemos concentrarase pola falta de profesionais e de medios para atender os residentes. A protesta terá lugar ás 12.00 horas diante do centro de traballo, situado na rúa Morín.

Comisións Obreiras (CCOO) apoia as demandas das traballadoras e lembra que levan meses advertindo da situación “inadmisible” que se vive na residencia. Ademais, sinalan que o principal problema é a falta de persoal, cuestión que se agravou tras varios despedimentos coa escusa de “baixo rendemento”, ao tempo que non se están cubrindo baixas ou permisos.

Deste xeito, o centro permanece sen médico, sen terapeuta ocupacional e con menos persoal de enfermaría do necesario e sosteñen que este último punto leva á residencia a incumprir a normativa, que esixe a presenza de persoal de enfermaría as 24 horas.

Os problemas, segundo CCOO, veñen de anos atrás, pero “intensificáronse coa nova dirección”. Para paliar a falta de profesionais, os responsables do centro sobrecargaron de tarefas o resto de traballadoras, incluso provocándolles cambios de funcións que supoñen “un risco” tanto para os usuarios como para as profesionais.

É o caso, por exemplo, da administración da medicación por parte das xerocultoras, cando se trata dunha función do persoal de enfermaría, “e non é o caso·. Atenderen as funcións propias e as engadidas provoca que moitas veces non se cumpran as pautas de administración ou pase o tempo necesario entre cada toma de medicamentos.

Vulneración de dereitos

Desde CCOO tamén queren poñer en coñecemento da poboación en xeral e das familias a carestía que se está a ver no centro da rúa Morín e a deterioración da calidade asistencial. “Falta de roupa de cama, colchóns en mal estado, así como recortes en hidratación ou alimentación”, apunta o sindicato. A sobrecarga de traballo tamén provoca que a atención non sexa a axeitada, incrementándose o risco de infeccións, de feito o ano pasado detectouse un gromo de sarna.

Aos problemas organizativos súmanse as vulneracións de dereitos laborais: “A día de hoxe non temos calendario laboral, carteleiras anuais ou o cómputo das horas extras”, sinala CCOO, ao tempo que lembra que sempre se informou por escrito sobre os dereitos do persoal.

0.18927788734436