O Pazo de Tor, en Monforte, convértese en escenario de creación para varias artistas
O pazo monfortino de Tor acolle o traballo das creadoras contemporáneas Carla Andrade, Eva Antelo, María Roja e Tamara Wassaf.
Tomando como referencia o propio museo, entendido como espazo de memoria e punto de encontro da comunidade, as catro artistas traballan nestes días en diferentes proxectos que concretarán nunha mostra colectiva.
AS PARTICIPANTES
Durante a residencia en Tor, Carla Andrade está a desenvolver “Apuntes para un proxecto do latido do unánime e cego”, un primeiro achegamento e recolleita de ideas para un proxecto cinematográfico que desenvolverá ao longo do vindeiro ano e que busca reformular o discurso estético hexemónico, historicamente desenvolvido desde unha tradición patriarcal.
Mediante a biografía dos espazos máis descoñecidos do Pazo de Tor, reflexiona arredor dos nesgos naturalizados e establecidos, inherentes a teoría das mulleres como clase social, a fin de liberar o pasado e/ou reformular o futuro.
Eva Antelo con “Irá a ti a montaña” recolle a xeografía falada da parroquia de Tor e arredores. Recopilando historias contadas polas habitantes sobre distintos lugares e puntos da contorna, confórmase un proxecto experimental a través de distintas voces e subxectividades sobre o mapa, a memoria, a paisaxe e a oralidade.
A fala dos seus habitantes perfila e dá nome á terra que pisan, ós accidentes xeográficos; as lendas, construcións recentes ou xa esquecidas... O proxecto procura poñer en valor os significados que gardan tantos significantes deste territorio, aparentemente sen importancia como casas, fontes, penas ou árbores. Significados que a xentrificación, o turismo de masas, ou o despoboamento ignoran e borran. Unindo múltiples disciplinas, xurde unha narratividade oculta e fragmentada que se mostra nas formas da topografía, en retazos de impresións e recordos, en historias a medio contar.
O proxecto “Cada cana catro niños” de María Roja afonda na problemática do despoboamento do rural galego, especialmente acusada na provincia de Lugo. A artista desenvolve este traballo na súa aldea materna, Eixibrón (Becerreá), na que, de vinte vivendas, só cinco permanecen habitadas, sendo probablemente os seus e as súas actuais residentes, tamén as derradeiras.
Propón unha instalación de carácter performativo. Baseándose na tradición do envío de tarxetas postais para manter o contacto e poñerlle imaxe a xeografías descoñecidas, Roja realiza un mapeo fotográfico, sonoro e humano do lugar. De cada unha das casas aínda ocupadas, portando a paisaxe sonora recollida desde as súas respectivas fiestras, partirá, cara ao actual lugar de residencia das persoas que abandonaron definitivamente o fogar familiar, unha peza de porcelana en forma de paxaro.
A acción completarase cando as figuras cerámicas, unha vez recibidas, sexan colocadas nas pólas dalgunha árbore do lugar de destino, mesturándose co imaxinario e a sonoridade urbana. Á vez, un paxaro de madeira con remitente na diáspora uruguaia, pousarase no freixo que nos recibe no Museo Pazo de Tor, cun peteiro ateigado de ecos dunha urbe lonxana fisicamente pero achegada no acto íntimo de lembrar.
O proxecto tenta ser un exercicio de rescate da memoria individual e colectiva, poñendo en valor as imaxes de lugares e comunidades ignoradas á mantenta polo Google Street View e os sons dunha contorna en perigo de extinción, a fin de facer fincapé nos modos de construción dos discursos culturais.
E por último, a obra de Tamara Wassaf explora a noción de retrato expandido, afondando máis nun tema e chegando á desaparición do corpo, un corpo sen carne, un pregamento no espazo.
Espazos entendidos á súa vez como testemuños íntimos da relación entre o suxeito e o seu entorno, a natureza e a vida cotiá. Reflexionando sobre unha paisaxe simbólica e íntima. Neste caso concreto aparecen na obra a absorción do espazo, a paisaxe circundante, a vexetación e os usos das herbas, mesturados coas historias de misterio, as lendas populares e o folclore da zona, dotándoa de nostalxia e misticismo.
A mostra con todos estes traballos, pódese visitar xa de forma gratuíta no Pazo de Tor, na rúa San Xoán de Tor, en horario de 11.00 a 12.30 e de 16.30 a 18.00 horas de martes a domingo.