O Pazo de Tor acolleu unha xornada sobre políticas culturais inclusivas organizada polo Consello da Cultura Galega

RibeiraSacraXa
O encontro puxo o foco na interseccionalidade e na necesidade de garantir o acceso real á cultura para toda a cidadanía
xornada-cultura-pazo-de-tor
19 Jun 2025

A deputada de Cultura, Iria Castro, participou este mércores no Pazo de Tor na inauguración da cuarta sesión das xornadas Acceso á cultura en Galicia 2025, promovidas pola Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais do Consello da Cultura Galega e coordinadas por Encarna Lago, xerente da Rede Museística Provincial e membro do devandito grupo de traballo.

Baixo o epígrafe “Acceso á cultura e interseccionalidade”, a xornada centrouse na necesidade de desenvolver políticas e actividades culturais que garantan un acceso real e equitativo á cultura, independentemente do xénero, orixe, idade, etnia, clase social ou diversidade funcional das persoas.

No acto inaugural, Iria Castro destacou que a celebración destas xornadas por parte do Consello da Cultura Galega supón un recoñecemento ao traballo a prol da inclusión e da accesibilidade que os museos provinciais veñen desenvolvendo desde hai máis de vinte anos en todos os ámbitos, desde o expositivo e didáctico ata o laboral. Salientou tamén a importancia dos procesos de escoita, reflexión e diálogo cos distintos colectivos sociais como ferramenta imprescindible neste camiño cara a unha cultura máis inclusiva.

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e a coordinadora da Comisión Técnica, Paula Cabaleiro, participaron nunha xornada estruturada arredor de mesas de diálogo nas que se analizaron as barreiras e exclusións que persisten no acceso á cultura.

A través das achegas das persoas convidadas, púxose en común unha visión ampla e plural sobre o exercicio dos dereitos culturais desde unha perspectiva de xustiza social.
As conclusións e propostas recollidas durante a sesión serán sintetizadas por Sergio Marey, Isabel Fernández, Ruth Sousa e Fran Quiroga, encargados da redacción dos informes que darán continuidade ao proceso de análise iniciado neste encontro.

⚙ Configurar cookies
0.16330504417419