O Pazo de Sabadelle inaugura este sábado a mostra ‘Toda a Galicia vai nela’

O Pazo de Sabadelle acolle este 7 de xuño a partir das 20:30 horas a inauguración da exposición, “Toda Galicia vai nela”, que conta coa colaboración do Concello de Chantada. Nesta ocasión quérese lembrar ao xeógrafo, matemático e político galego, Domingo Fontán, que no 1817 comeza a traballar na Carta Xeométrica de Galicia. “Así o que foi o primeiro mapa de Galicia imprimiuse en París no 1845, cando Rosalía tiña 8 anos. Interésanos dar a coñecer aquelas persoas e cousas que consideramos teñen relavancia na nosa historia e deben preservarse na nosa memoria”, explica Xosé Figueroa Lorenzana do Pazo de Sabadelle.
Para contextualizar a importancia do traballo de Domingo Fontán, a exposición leva por título, “Toda Galicia vai nela”. Así se refería Otero Pedrayo á carta de Fontán nun artigo publicado no 1949 sobre a viaxe que a Carta Xeométrica de Galicia facía desde o porto de Lisboa cara os centros galegos en América.
“Estas actividades son recordatorios de partes importantes da historia de Galicia e axudan a divulgar e poñer en valor a nosa cultura e tradición. No Concello de Chantada apostamos desde o comezo por esta cita que mestura distintas artes e que está aberta a todas as persoas interesadas”, asegura o concelleiro de Cultura do Concello de Chantada, Manuel Diéguez.
Poesía, música, pintura e diferentes performance e presentacións compoñen o programa do 7 de xuño no Pazo de Sabadelle. Para iso contarase coas pintoras, Marita Carmona e Alba Fernández; as poetas Marisa Álvarez Landesa e Elba Grande e o poeta Correa Correadoira. A diseñadora de Chantada, Dánae Mariño, fará unha performance poética con varios deseños e modelos. Xurxo Souto presentará o seu libro “Somos un pobo de artistas” e ofrecerá un show falando do pasado e presente da música en Galicia para rematar coa presentación de “Xeografías”, proposta intimista da artista, Sofía Espiñeira. Esta exposición, que inaugurará a enxeñeira de Camiños e Portos, Gemma Rojo, ten entrada libre e gratuíta para todas as persoas interesadas.