O pavillón de Monforte e as piscinas de Sober melloraron as súas instalacións

RibeiraSacraXa
Mejora de las instalaciones deportivas del pabellón de A Pinguela de Monforte y las piscinas municipales de Sober.
mellora pavillon monforte
22 Dec 2021

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou hoxe dous concellos da comarca de Terra de Lemos, Monforte e Sober, nos que a Xunta de Galicia levou a cabo as melloras das súas infraestruturas deportivas grazas aos convenios de colaboración asinados coas entidades municipais que acadaron un importe próximo aos 50.000 euros.

No caso de Monforte, o secretario xeral, acompañado polo alcalde José Tomé, supervisou a instalación do vídeo marcador no pavillón municipal da Pinguela. En total, a adquisición, subministro e instalación da pantalla acadou un orzamento de 27.480,43 euros, sendo achegado pola Xunta o 73% (20.000 euros) e o restante 27% polo concello (7.480,43 euros).

O vídeo marcador deportivo LED ten un tamaño duns 10 m2, con tecnoloxía de última xeración para uso en interiores, cunha resolución pixel pitch 4,8 mm e de tecnoloxía led SMD. Conta cun ordenador de control con software específico para procesador led e software específico para uso de marcador; superficie gráfica da pantalla led deportiva de 10 m2; consola deportiva para manexo de marcador; estrutura para fixación da pantalla; bocina; xogo de dous marcadores de posesión, homologados por FIBA e consola de posesión.

No pavillón da Pinguela compiten o Club Voleibol Ribeira Sacra, o Club Voleibol Korbis e o Club de Ximnasia Rítmica Quicela, así como alberga eventos deportivos de disversas modalidades como taekwondo, ximnasia rítmica e voleibol. Na instalación tamén se levan a cabo actividades propias do deporte escolar, dispútase a liga local de fútbol sala e lévanse a cabo as actividades do programa deportivo de verán que organiza o Concello de Monforte.

Instantes despois, o mandatario galego dirixiuse ao Concello de Sober onde, acompañado polo alcalde Luis Fernández visitaron as piscinas municipais que veñen de ser obxecto de obras de mellora e conservación. En total, o convenio asinado entre as dúas administracións acadou os 19.993,76 euros, sendo achegados pola Xunta o 80% (15.995,01 euros), e polo goberno local, o restante 20% (3.998,75 euros).

As obras que se levaron a cabo comprenderon a actuación no valado substituíndo o valo actual por un composto por vidro e superficies de suxeición de aceiro, así como outras reparacións entre as que destacan a reparación da canle de rebosadeiro exterior, reparación do vaso da piscina principal e o cambio do skimmer na piscina pequena.

0.063622951507568