O pavillón da Pinguela de Monforte acollerá 10 locais para clubs e entidades deportivas

RibeiraSacraXa
Esta convocatoria vén motivada, subliña o alcalde, “porque existe unha importante demanda de uso dos locais situados no pavillón polideportivo da Pinguela"
pavillón-A-Pinguela-Monforte-renovado
11 Out 2024

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que o Concello porá a disposición de clubs e entidade deportivas monfortinas sen ánimo de lucro 10 locais de propiedade municipal situados no pavillón municipal da Pinguela.

Ditos locais foron reformados e acondicionados dentro do proxecto de mellora integral de dito pavillón, que o Executivo de José Tomé acometeu en 2023, cun investimento de 4 millóns de euros, e que deu como resultado un pavillón polideportivo único en Galicia na súa categoría.

Neste senso, José Tomé sinala que “debido a que no Concello de Monforte hai un elevado número de entidades que ofrecen servizos deportivos á cidadanía, o cal xera unhas necesidades de xestión administrativa importantes, dende o Concello de Monforte queremos colaborar cos Clubs e Entidades Deportivas poñendo á súa disposición, e de balde, unha serie de locais situados no Pavillón polideportivo municipal de A Pinguela".

Para elo, na Xunta de Goberno Local do luns 7 de outubro, aprobáronse as Bases reguladoras da convocatoria para o procedemento de cesión de uso de locais de titularidade municipal situados no Pavillón municipal da Pinguela.

Esta convocatoria vén motivada, subliña o alcalde, “porque existe unha importante demanda de uso dos locais situados no pavillón polideportivo da Pinguela, o que fai necesario aprobar un procedemento para regular de xeito ordenado a concesión de uso dos mesmos. Ademais, o tecido asociativo do sector deportivo en Monforte desempeña unha labor fundamental na promoción do deporte entre persoas de tódalas idades, motivo polo cal necesitan acceder a este tipo de locais, desde os que desenvolver a súa labor administrativa e de xestión”.

INTERESADOS NA CONVOCATORIA

En total, son 10 locais os que o Concello pon a disposición das entidades e clubs deportivos, de distintos tamaños, cunha superficie media de 21 metros cadrados, que se entregarán baleiros, é dicir, sen mobiliario. Estarán dotados dun punto de conexión a internet.

O rexedor destaca que “a cesión de uso destes locais é gratuíta, de xeito que as entidades cesionarias non pagará ningún canon polo uso dos locais, porque o noso obxectivo con esta cesión de uso é o de dar apoio ás necesidades administrativas que teñen os clubs e entidades deportivas da nosa cidade”.

No obstante, as entidades están obrigadas á conservación dilixente dos locais, respondendo dos danos que poidan ocasionar as persoas que compoñen a entidade, e as usuarias, por acción ou omisión, debendo efectuar de xeito inmediato e a ao seu cargo, previa autorización do Concello de Monforte, as reparacións necesarias. Da mesma maneira, as entidades cesionarias faranse cargo da limpeza e mantemento dos locais cedidos.

O prazo para a presentación de solicitudes será de 10 días hábiles, contados dende o día seguinte a dita publicación, do 11 e ata o xoves 24 de outubro.

Poderán solicitar a través desta convocatoria o uso dos locais situados no Pavillón Polideportivo da Pinguela, os Clubs ou Entidades Deportivas legalmente establecidas e inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións Deportivas do Concello de Monforte, que non teñan ánimo de lucro, e que leven a cabo a súa actividade deportiva nalgún dos “Pavillóns Polideportivos” que o Concello de Monforte oferta para o seu uso durante o ano (Pavillón Polideportivo da Pinguela, Pavillón dos Institutos Río Cabe e Daviña Rei, Pavillón do IES Pinguela e Pavillón do CEIP A Gándara), ou ben na Piscina Municipal.

O obxectivo da cesión de uso dos locais é a de dar apoio ás necesidades administrativas que teñen os Clubs e Entidades Deportivas. Deste xeito o uso autorizado dos locais será o de oficina do club así como de zona de almacenamento de material relacionado coa actividade deste, ou actividades de análogas características.

O uso dos locais cederase polo prazo dun ano prorrogable de xeito automático anualmente ata un máximo de 4 anos. A presentación de solicitudes realizarase no prazo de 10 días hábiles contados dende o día seguinte á publicación da convocatoria na páxina web do Concello de Monforte.

0.20762586593628