O parque infantil da Alameda de Chantada foi renovado e ampliado cunha achega de 35.000 euros
O parque infantil da Alameda de Chantada, situado na rúa Manuel Formoso Lamas, ao carón do río Asma e do paseo fluvial foi mellorado e ampliado grazas a unha achega de 35.000 euros da Xunta de Galicia.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou o resultado da actuación, financiada con cargo á orde de axudas da Vicepresidencia primeira para a creación e acondicionamento de infraestruturas municipais.
O proxecto contemplaba incrementar a superficie da zona de xogos desde os 48 metros cadrados ata case 120. Ademais, renovouse o pavimento; incorporáronse elementos como un tobogán, balancíns e columpios e instalouse un valado de madeira nunha parte do perímetro.
A través deste programa, a Xunta colabora cos concellos na creación e mellora de infraestruturas, instalacións e equipamentos públicos como parques infantís, camiños ou redes de alumeado.
Máis axudas da Xunta de Galicia
Tamén se subvencionan obras de construción ou mellora de edificios municipais, así como a adquisición de mobiliario e material para equipalos a través dunha convocatoria 3,5 millóns de euros.
Arias explicou que no período 2020-2023, o Goberno galego concedeu 137.200 euros ao Concello de Chantada a través desta orde de axudas para executar proxectos como a construción de vestiarios no complexo deportivo do parque Eloísa Rivadulla, a colocación de xogos infantís no parque de Sangoñedo e a instalación de pistas de pádel na contorna do pavillón municipal.