O parque do barrio do hospital de Monforte terá que ser finalizado por outra empresa
O parque do barrio do hospital de Monforte terá que ser terminado por outra empresa. A empresa adxudicataria no seu día Zona de Obra O Rosal decidiu cesar os traballos debido a desentendementos económicos co Concello. Desta forma, pasou o prazo de execución da obra sen chegar a un acordo. Todo sinala a que será un novo concurso o que decida que empresa pon fin a esta infraestrutura.
A licitación publicouse no mes de febreiro de 2021 e, non foi ata xuño cando se resolveu. Os principais motivos para adxudicar a obra a esta empresa foi o custe, xa que Zona de Obra O Rosal ofertou un prezo de 475.017 fronte aos 555.934 orixinais na proposta.
ANTECEDENTES
Tras a declaración da urxente ocupación pola Xunta de Galicia, publicada o 17 de decembro de 2020 no DOG, o Concello iniciou o proceso de expropiación dos terreos necesarios para levar a cabo este proxecto. Unha vez adquiridos os terreos correspondentes, e coa sinatura da Acta de ocupación definitiva, o Concello fixo publica a licitación para a adxudicación do proxecto e o posterior inicio das obras de construción do novo parque.
A adxudicación sofreu un pequeno atraso debido a que a autorización da Consellería de Infraestruturas fíxose esperar e, non foi ata a primeira quincena de agosto cando se deu luz verde ao inicio das obras, comezando polos traballos de roza e explanación dos terreos. A empresa continuou coa construción do muro que limita o parque, e, foi nese proceso cando se paralizaron as obras. Deixando pendente o acabado dos accesos, a pavimentación da zona de aparcadoiro, o equipamento da zona verde e a distribución interior.
A licitación para a continuación destas obras aínda non foi publicada.
Este parque pretende dar resposta a varias cuestións ó mesmo tempo. No proxecto inicial inclúense varias zonas de céspede, unha zona de xogos infantís, paseos peonís lonxitudinais e transversais, a dotación de varios elementos biosaudables de ximnasia para maiores e ademais, contribuirá a paliar o déficit de estacionamento na zona do Hospital contando con aproximadamente 60 prazas de estacionamento para vehículos e tamén contará con estacionamentos para motos, para bicicletas e prazas para minusválidos.