O Parador de Monforte de Lemos será reformado integralmente cun investimento de 3,5 millóns de euros

O histórico Parador de Monforte de Lemos, un dos máis emblemáticos da Ribeira Sacra, será renovado de forma integral para modernizar as súas instalacións, mellorar a eficiencia enerxética e conservar o valor patrimonial do conxunto monumental. As obras comezarán o 1 de xaneiro e terán unha duración estimada de cinco meses, co obxectivo de ofrecer ás persoas visitantes unha experiencia máis cómoda, accesible e sostible.
A presidenta de Paradores, Raquel Sánchez, acompañada polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, e polo alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presentou os detalles do proxecto durante unha visita ao establecemento, onde subliñou que este parador “encarna a esencia mesma do que representa Paradores: os nosos establecementos son moito máis que simples edificios, son gardiáns da historia, da cultura e da alma dos lugares onde se erguen”.
A reforma “constitúe unha aposta polo futuro do Parador de Monforte de Lemos e polo seu papel como motor turístico e cultural de Galicia”, explicou Sánchez, que sinalou que os traballos buscan “seguir sendo unha referencia para a Ribeira Sacra e un punto de orgullo para todos os galegos e galegas”.
O orzamento total da reforma ascende a 3,5 millóns de euros, financiados entre Turespaña e Paradores, que destinará 1,9 millóns á modernización das instalacións xerais de auga sanitaria e climatización, ademais de renovar o cableado, con sistemas adaptados ás necesidades do edificio para garantir confort e eficiencia. Unha vez finalizadas estas obras, realizarase unha renovación interior que incluirá a redecoración das zonas comúns e das habitacións, con novos téxtiles, lámpadas e un proxecto artístico que incorporará obra contemporánea para enriquecer o ambiente.
En materia de accesibilidade, investiránse máis de 200.000 euros para modernizar os baños, converter bañeiras en duchas e realizar un estudo de accesibilidade universal que comezará o vindeiro ano. “Queremos que o Parador de Monforte sexa un emblema desta fermosa cidade, non só polo seu enclave e a súa historia, senón por ser sostible, accesible e preparado para responder ás expectativas do viaxeiro actual, sen perder a esencia e o respecto pola historia dos nosos edificios”, afirmou Sánchez. “Por iso, esta renovación non se limitará ás instalacións. Queremos que, unha vez reabra as súas portas, o Parador luzca unha imaxe renovada e acorde con todo o que este edificio simboliza”.
Pola súa parte, Turespaña investirá máis de 1,5 millóns de euros para conservar diferentes zonas do conxunto monumental, entre elas a cuberta do Palacio de Alba, cuxa reforma incluirá mellorar o acceso para o seu mantemento, e a limpeza das fachadas afectadas pola vexetación. Tamén se restaurará o antigo mosteiro, con traballos nas fachadas e no claustro, mellorarase o acceso á escaleira principal e restaurarase un tramo da muralla, valorando e conservando este importante elemento defensivo. Ademais, mellorarase a iluminación exterior con criterios de eficiencia enerxética e monumentalidade, adaptada ao uso hoteleiro.
Esta actuación forma parte do plan estratéxico de Paradores para conmemorar o seu centenario en 2028, que contempla a modernización de máis do 50% dos seus establecementos cun investimento superior aos 250 millóns de euros. O obxectivo é acadar unha rede máis moderna, accesible e sostible sen renunciar ao valor histórico e patrimonial dos seus edificios.
Raquel Sánchez destacou tamén o compromiso de Paradores con Galicia, onde o investimento conxunto con Turespaña supera os 56 millóns de euros nos seus 12 establecementos, dos cales aproximadamente 28 millóns proceden directamente de Paradores. Ademais de Monforte, as reformas máis importantes concéntranse nos Paradores de Santiago de Compostela e Baiona, con orzamentos de 35 e 7,5 millóns de euros, respectivamente.
Así mesmo, lembrou que o Parador de Monforte de Lemos se incorporou á rede de Puntos Violeta, espazos libres de violencia machista que xa están presentes en todos os Paradores de Galicia. “Este é un símbolo máis da nosa vontade de construír contornas seguras, igualitarias e respectuosas, e emocióname especialmente poder dicilo aquí, nunha terra onde a fortaleza e o papel da muller galega son un exemplo para todas e todos”, concluíu a presidenta.