O Parador de Monforte de Lemos acollerá os VIII Premios AJE Lugo 2021
A Asociación de Novos Empresarios de Lugo celebrará os VIII Premios AJE Lugo 2021 o venres día 4 de marzo no Parador de Monforte de Lemos, cunha gala de entrega de galardóns que comezará ás 19.30 horas.
Este evento ten como obxectivo premiar o labor daqueles emprendedores e novos empresarios que co seu esforzo e dedicación contribúen día a día a crear riqueza e xerar emprego na provincia de Lugo. Especialmente tendo en conta os difíciles tempos que para moitos están a supoñer estes anos de COVID-19.
Estes galardóns supoñen para os gañadores, ademais do seu recoñecemento, a proxección, a través de medios de prensa e publicidade, da súa actividade empresarial. Así como unha oportunidade de seguir formándose grazas á Escola de Negocios IESIDE, que premiará as dúas categorías principais cun cheque para formación. Ao mesmo tempo, serve de exemplo de superación para a mocidade lucense mostrando que o auto emprego e a innovación é outra posibilidade de traballo.
Desde AJE Lugo animan a todos aqueles que cumpran os requisitos expostos nas bases, publicadas na súa páxina web: www.ajelugo.com, a inscribirse e aproveitar esta oportunidade para darse a coñecer e presentar os seus proxectos.
O último día para presentar as candidaturas será o domingo día 27 de febreiro, ás 23:59 horas, enviando un correo electrónico coa documentación requirida nas bases a info@ajelugo.com.
A semana seguinte o xurado fará as súas votacións por vía telemática, tendo en conta os diferentes criterios e aspectos que valorarán para cada unha das catro categorías que se premiarán este ano: Premio Novo Empresario 2021, Premio Iniciativa Emprendedora 2021, Accésit de RSE 2021 e Accésit de Innovación 2021.
Calquera empresa con sede na provincia de Lugo, pode participar se cumpre o resto de requisitos publicados nas bases.