O Outono Xeolóxico do Xeoparque levou aos participantes a afondar sobre a chegada do ferrocarril ao Courel

Este sábado, San Clodio de Ribas de Sil foi o escenario dunha nova actividade dentro do programa Outono Xeolóxico, organizado polo Xeoparque Montañas do Courel. Nesta ocasión, os participantes descubriron a importancia histórica da chegada do ferrocarril á zona, un feito que marcou o desenvolvemento do territorio.
Durante a xornada, o grupo visitou os Xeomiradoiros das Fontes e de Pómez, así como o Pazo da Costa, onde puideron degustar os viños da comarca. Tamén realizaron un paseo polas rúas de San Clodio para coñecer mellor a súa contorna.
Pilar García Porto, Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, participou nesta actividade, onde destacou o apoio económico da Deputación ao Xeoparque, cunha achega de 25.000 euros “para realizar diferentes accións de promoción e difusión coma esta”. Porto salientou ademais o valor de iniciativas que dan a coñecer o patrimonio xeolóxico, cultural e paisaxístico do Courel.
“O Courel é un lugar único, recoñecido pola UNESCO, e tamén un exemplo de como a unión dos concellos, da comunidade científica e das administracións pode crear oportunidades, impulsar o desenvolvemento sostible e contribuír a fixar poboación no rural”, dixo durante a xornada, onde e reafirmou o compromiso da institución provincial para apoiar un turismo responsable e de calidade, que poña en valor e respecte o territorio.