O Outono Cultural enche Pantón de decenas de actividades

RibeiraSacraXa
O programa combina obradoiros, teatro, cine e actividades para toda a familia durante os meses de outubro e novembro
outono-cultural-panton
6 Oct 2025

O Concello de Pantón, a través da Concellería de Cultura, presenta unha nova edición do Outono Cultural cun programa repleto de actividades artísticas, deportivas e culturais que se desenvolverán ata o mes de novembro.

Así, o 2 de outubro xa comezou no Edificio Sociocultural o Obradoiro de Bordado e Costura Creativa, que se celebra todos os xoves de 17:00 a 19:00 horas, mentres que este martes, día 7, dará inicio un Obradoiro de Crochet, que terá lugar os martes de 19:00 a 21:00 horas nas mesmas instalacións.

Por outra banda, o domingo 19 de outubro, ás 18:00 horas, a igrexa de San Miguel de Eiré acollerá o espectáculo de fábulas musicadas 'Alma de Grilo', unha representación musical e literaria aberta ao público con entrada de balde.

Ademais, os xoves de outubro e novembro, de 20:00 a 21:10 horas, celébrase na sala de ximnasia un Obradoiro de Yoga, e o 3 de novembro comezará un novo Obradoiro de Scrapbooking, todos os luns de 18:00 a 20:00 horas no Edificio Sociocultural.

Xa en novembro, o día 2 ás 18:00 horas, a compañía Lila Teatro presentará unha obra no edificio sociocultural. A programación continúa o domingo 9 coa actuación de Falcatrueiros Teatro e o 16 de novembro será o turno de Viraventos Teatro, ambas ás 18:00 horas.

Dentro da programación tamén haberá espazo para encontros veciñais, como un 'Samaín Familiar' que se celebrará o 31 de outubro con actividades dirixidas aos máis pequenos, mentres que o sábado 8 de novembro, ás 18:00 horas, terá lugar o tradicional Magosto Popular organizado polo Concello.

O Outono Cultural de Pantón incluirá tamén proxeccións cinematográficas. Así, o domingo 23 de novembro, ás 18:00 horas, o Edificio Sociocultural acollerá 'Cinema Portuguesa na Ribeira Sacra', e o domingo 30, ás 19:00 horas, proxectarase 'El maquinista de la General', un clásico do cine mudo acompañado de música en directo interpretada pola Sociedade Filarmónica de Monforte.

Ademais, desde principios de outubro e ata xuño, desenvólvense actividades deportivas en Ferreira e varias parroquias, con máis de 160 participantes que disfrutan de propostas como ximnasia de mantemento, aerobic e pilates na capital municipal e en localidades como Cangas, Xesteira, Acedre ou Tuiriz.

⚙ Configurar cookies
0.088048934936523