O obradoiro de emprego Sillor VIII acolle a 20 participantes
Deu comezo recentemente o obradoiro de emprego Sillor VIII nos concellos de Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Courel, nos que se invisten 377.000 euros. Nesta actividade están a participar 20 persoas, que se forman na especialidade de Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción.
Así pois, explicouse que a etapa de formación en alternancia coa práctica profesional terá unha duración de nove meses e estará dirixida á cualificación e adquisición de experiencia laboral mediante un contrato de traballo; ao rematar, obterán un certificado de profesionalidade.
Ademais, neste caso parte do investimento está destinado a sufragar incentivos para facilitar a posterior contratación dos 20 alumnos traballadores durante un mínimo de tres meses máis a xornada completa en empresas locais do sector.
Ao tempo que adquiren os coñecementos e habilidades necesarias, os participantes no obradoiro desenvolven distintas obras nos concellos promotores. En concreto, en Ribas de Sil acondicionarán a nave municipal de San Clodio, e en Quiroga construirán beirarrúas na travesía dos Tallos.
Pola súa banda, en Folgoso do Courel construirán unha beirarrúa na Avenida Deputación e un heliporto eventual en Traspando, mellorarán o acceso á igrexa de Esperante, acometerán os revestimentos interiores da nave municipal da Serra e acondicionarán unha zona para parapente no alto do Piapaxaro.
Finalmente, subliñouse que os obradoiros son unha das ferramentas máis valoradas no marco das políticas activas de emprego, tanto polas importantes obras e servizos que realizan en beneficio da comunidade como polo alto grao de empregabilidade que acadan. Neste sentido, lembrou que tamén impulsan o emprendemento con formación específica sobre a materia.