O Obradoiro de Emprego Ricra VIII promovido polos concellos de Pantón, O Saviñao e Sober puxo fin tras 9 meses

A Xunta de Galicia clausurou este luns o obradoiro dual de emprego Ricra VIII, promovido polos concellos de Pantón, O Saviñao e Sober, no que se investiron 412.000 euros. A directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Carmen José López, participou no acto de entrega de diplomas ao alumnado.
O taller contou con 20 prazas de formación teórica e práctica para persoas desempregadas en ámbitos cunha elevada demanda laboral. A modalidade dual garante ademais a contratación dalgúns participantes en empresas da contorna durante un mínimo de tres meses a xornada completa, vinculados ás especialidades aprendidas.
Ricra VIII impartiu formación en conservación de montes, traballos silvícolas e carpintería. Na parte práctica, o alumnado desenvolveu labores de mantemento de zonas verdes, rutas de sendeirismo e outros espazos de interese nos tres concellos participantes. Tamén fabricou e instalou elementos de madeira como marquesiñas, cubrecontedores e diverso mobiliario urbano.