O obradoiro de Emprego Arquivo Dixital-TIC fomenta o emprego en Monforte

RibeiraSacraXa
O obradoiro de Emprego Arquivo Dixital-TIC, creará novos postos de traballo no concello de Monforte de Lemos
obadoiro tic monforte
15 Xul 2022

Co obxectivo de dixitalizar, informatizar e automatizar o patrimonio documental de carácter histórico do Concello de Monforte de Lemos, este obradoiro municipal impartido na Escola taller da Pinguela, formou a 20 alumnos e alumnas fomentando e dando a coñecer o arquivo histórico deste concello, mediante a aplicación das TICs e impulsando a administración electrónica.

En concreto, os alumnos recibiron formación teórica-práctica na especialidade de Operacións de gravación e tratamento de datos e documentos e aqueles que finalicen con éxito a formación obterán o certificado de profesionalidade nesta especialidade.

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, agradeceu ós alumnos o traballo que levaron a cabo e felicitounos xa que entre as actividades desenvoltas 'dixitalizaron todos os libros cedidos ó Concello por Jose Luís Montero, coleccionista e investigador monfortino, cumprindo así a vontade daquel cando cedeu a súa colección e o compromiso adquirido polo Concello de levar a cabo dita dixitalización no transcurso deste obradoiro'.

Ademais da dixitalización das obras cedidas por Montero, os alumnos tamén levaron a cabo traballos relacionados coa xestión documental do arquivo municipal, así como outra documentación local, fotográfica e bibliográfica sobre temas referidos á cultura e á historia monfortinas. As tarefas desenvoltas incluíron a captura dos documentos orixinais e a súa edición e implementación de metadatos coa finalidade de cargar estes arquivos no repositorio documental do Concello de Monforte de Lemos.

Con esta iniciativa crearanse 24 postos de traballo durante 9 meses. O grupo estivo formado por 20 alumnos e alumnas, 2 docentes, un director e unha administrativa. José Tomé recordou que 'dende  Concello convocamos hai uns días unha liña axudas de 1.500 euros co obxecto de incentivar a contratación por parte de empresas de alumnos e alumnas deste módulo, e o prazo para solicitar ditas axudas remata o vindeiro 18 de xullo. Deste xeito, dende o Equipo de Goberno do Concello, dentro das nosas políticas sociais e económicas, seguimos fomentando a creación de emprego, e neste caso, para facilitar a incorporación ó mercado laboral deste alumnos'.

O obradoiro, que contou cun orzamento próximo ó medio millón de euros, estivo promovido polo Concello de Monforte e subvencionado pola Consellería de Emprego e Igualdade, e a propia administración municipal.

José Tomé Roca subliñou que os obradoiros de emprego son moi positivos 'posto que axudan ós concellos a levar a cabo proxectos que, sen este mecanismo, sería moi difícil de podelos levar á práctica. Ademais, fomentan o emprendemento'. Con este tipo de obradoiros, o Concello de Monforte contribúe á mellora da empregabilidade de alumnos interesados de acceder con formación ó mercado laboral e da solución á demanda das empresas de persoal laboral cualificado.

O obxectivo final é que estes alumnos poidan quedarse definitivamente nas empresas que os están a contratar, logo da súa formación.

0.19305896759033