O novo faladoiro do Centro Social de Quiroga tratará sobre a revitalización do rural galego

Este mércores, 26 de marzo, ás 18.00 horas, haberá unha nova sesión do Faladoiro na Biblioteca do Centro Social de Quiroga, que contará cunha nova convidada. Trátase de Aida Marcos Arias, emprendedora e impulsora da declaración de Bustelo de Fisteus, que levará unha charla titulada "Volver e crer no rural".
Marcos medrou na súa aldea natal ata os 21 anos. A esa idade marchou a Vigo onde entrou en contacto co mundo das Artes Gráficas e a Publicidade, sendo hoxe empresaria do sector. Sen perder o contacto coas súas raíces, ten como reto axudar a recuperar e darlle vida á súa aldea, que dende o 2021 foi recoñecida pola Xunta como Aldea Modelo. Dende a súa experiencia falañrá da importancia de transformar o negativismo en ilusión para revitalizar o rural.
Moderado por Xosé Manuel Fernández Montes, neste faladoiro que se desenvolve na Biblioteca do centro Social mañá mércores ás seis da tarde, os participantes coñecerán de primeira man as experiencias desta empresaria e impulsora do rural.
Os faladoiros desenvólvense os derradeiros mércores de cada mes na Biblioteca do Centro Social. Trátase dun espazo aberto á veciñanza para a socialización, o coñecemento e a participación cidadá, onde tras unha breve presentación da persoa convidada, unha charla co moderador introduce un tema no que os participantes poden intervir con preguntas ou contando as súas propias experiencias. A actividade está promovida polo Concello de Quiroga dende a Concellería de Servizos Sociais e Participación Cidadá. Partindo dun tema a tratar e dunha persoa convidada, os asistentes poden intervir para coñecer máis á relatora ou relator, para aprender, e incluso para compartir as súas propias experiencias.