O novo Faladoiro do Centro Social de Quiroga abordará o deterioro cognitivo da man de Afamon

O Concello de Quiroga organiza este mércores, 29 de outubro, unha nova sesión do Faladoiro, que se celebrará ás 18:00 horas na biblioteca do Centro Social. Nesta ocasión, o encontro xirará arredor do tema “Deterioro cognitivo”, coa participación da psicóloga María Lillo Montes, quen estará acompañada polo concelleiro de Servizos Sociais, Xosé Manuel Fernández, que exercerá de moderador.
María Lillo, natural de Monforte e residente na Pobra do Brollón, conta cunha ampla traxectoria profesional no ámbito da psicoloxía e da atención ás persoas maiores. Licenciada en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, formouse tamén en Terapia Familiar e de Parella, Xeriatría, Xerontoloxía e Neuropsicoloxía. Dende o ano 2004 forma parte do equipo de Afamon (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Monforte), onde imparte obradoiros de memoria en diferentes concellos da contorna.
Durante o faladoiro abordarase que é o deterioro cognitivo, como se manifesta e que factores permiten diferenciar cando é leve ou significativo. Tamén se ofrecerán pautas sobre como previr ou frear o seu avance e reflexionarase sobre o impacto persoal e familiar que supoñen os diagnósticos máis graves, como as demencias.
Esta actividade enmárcase na colaboración que o Concello de Quiroga mantén con Afamon, dentro da súa aposta por un envellecemento activo e saudable. A través desta entidade lévanse a cabo programas de estimulación cognitiva, talleres de memoria para maiores de 50 anos e formación para profesionais do coidado de persoas maiores.
O Faladoiro, promovido pola Concellería de Servizos Sociais e Participación Cidadá, busca crear un espazo de diálogo e aprendizaxe compartida, no que o público pode participar, formular preguntas e compartir experiencias. O obxectivo é ofrecer información útil e reforzar a seguridade e autonomía das persoas maiores, fomentando a súa conexión coa comunidade.