O novo faladoio do Centro Social de Quiroga puxo o foco na música tradicional

RibeiraSacraXa
O convidado nesta edición foi Manuel Durán, músico e fundador da Escola de Música Tradicional Abertal da Rúa
faladoiro-quiroga-manuel-duran
29 May 2025

O Centro Social de Quiroga acolleu este mércores un novo faladoiro que, neste caso, estivo centrado no papel da música tradicional galega como parte da identidade cultural, coincidindo co Mes das Letras Galegas, dedicado este ano ás cantareiras e á poesía oral popular.

A charla levou por título “O folclore como sinal de identidade do pobo” e contou coa participación de Manuel Durán, músico e fundador da Escola de Música Tradicional Abertal de A Rúa.

Moderado polo concelleiro de Servizos Sociais, Xosé Manuel Fernández Montes, o encontro permitiu repasar a traxectoria vital e musical de Durán, natural dos Anguieiros e emigrado a Barcelona en 1970, cidade da que non retornou a Galicia ata 1987. Durante a súa estadía na emigración, tivo a oportunidade de asistir a concertos de grupos galegos como Milladoiro, Fuxan os Ventos ou Amancio Prada, momentos que, segundo relatou, lle emocionaron profundamente.

Ao longo da charla, Durán compartiu lembranzas da súa infancia e dos primeiros contactos coa música popular. Lembrou, por exemplo, a figura do Penelo, un gaiteiro que animaba as festas das aldeas cunha participación activa da veciñanza. Tamén mencionou outros nomes e formacións da zona como Felisa a gaiteira de Bendilló, Terratrás, e grupos como Os Padernes ou Os Celtas de Paradaseca, que contribuíron a manter viva a tradición musical nas festas locais.

O acto contou coa presenza do alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, así como de veciños e veciñas vencelladas ao ámbito musical da comarca. Durán destacou tamén o labor realizado na súa escola, na que ensinan música tradicional a máis de cen persoas desde hai máis de tres décadas, así como o seu compromiso coa recuperación e conservación do folclore galego.

⚙ Configurar cookies
0.22233295440674