O Nadal arrancará este xoves en Monforte co acendido de máis de 1,2 millóns de luces LED

RibeiraSacraXa
O alumeado permanecerá acendido ata o 6 de xaneiro nun total de 66 rúas da cidade
Nadal 2023, Monforte
Nadal 2023, Monforte
30 Nov 2024

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, deu a coñecer hoxe o dispositivo de alumeado de Nadal 2024 que o Equipo de Goberno instalou nas pasadas semanas nas rúas e prazas do municipio.

Tomé salientou que “este ano alcanzamos o 1.200.000 luces LED e isto supón a maior cifra da historia en canto a elementos luminosos, pois son 200.000 luces LED máis que en 2023, o que supón un 20% máis”.

Para o alumeado de Nadal da cidade, o Concello destina unha inversión de 57.000 euros “5.000 euros máis que en 2023, o que significa un 9,6% de incremento, “que é o investimento máis alto da historia deste Concello, e que supera o investimento do pasado ano”, subliña o alcalde.

“O noso obxectivo con esta importante inversión no alumeado da cidade”, destacou o rexedor monfortino, “é dinamizar o Nadal en Monforte e animar aos monfortinos e ás persoas que nos visitan, a que saían á rúa, que gocen da cidade e que se animen a mercar no noso comercio e a consumir na nosa hostalería, pero o máis importante é, que sexan moi felices nestas festas de Nadal”.

O alumeado será acendido o xoves día 5 de decembro ás 18.30 horas e apagarase o luns día 6 de xaneiro, día de Reis. O acendido oficial terá lugar na rúa Cardeal e será realizado polo alcalde, acompañado por membros do Equipo de Goberno, e farase xunto á árbore que estará situado no inicio peonil da citada rúa. O horario de acendido e apagado será de 18.30 a 2 da madrugada.

Como xa é tradición, haberá un cono central na rúa do Cardeal, a modo de árbore de Nadal, que este ano alcanzará arredor de 20 metros de alto, 2 metros máis que en 2023, por 6 metros de diámetro, e na Praza de España instalarase unha Estrela de Nadal de 7 metros de longo por 3 metros de alto. Ambos elementos contarán cun paso interior para que a xente poida facerse fotos dende debaixo.

Mantense a que foi unha das principais novidades dos últimos anos, que é a iluminación da Torre da Homenaxe, na que a través de proxectores exteriores, levaranse a cabo 4 proxeccións distintas, unha en cada cara da Torre, con máis intensidade de imaxe, e simulando a caída de copos de neve.

1,2 millóns de luces LED

José Tomé salientou que este ano o Concello contará con 1,2 millóns de luces LED para a iluminación de Nadal a través de arcos e motivos decorativos, e resaltou diversos aspectos sobre a mesma.

O alcalde subliñou que “aumentamos algo o número de arcos colocados, que alcanzan os 264 arcos en 2024, catro máis que en 2023, distribuídos en 66 rúas da cidade, unha rúa máis que en 2023. Os arcos de Nadal son de luz LED, de baixo consumo e maior visibilidade, dando resposta a un alumeado máis intenso que coas luces convencionais.

Se se suman as luces das proxeccións da Torre da Homenaxe, as dos 7 arcos de saúdos de “Bo Nadal” que haberá ás entradas da cidade, e as da Casa Consistorial, alcánzanse os 1,2 millóns de luces LED, incrementando en máis de 200.000 as de 2023, o que supón un 20% máis.

A maior inversión en alumeado de Nadal da historia de Monforte

“Dende o Concello investimos 5.000 euros máis no alumeado de Nadal de 2024 con respecto ao ano 2023, alcanzando os 57.000 euros, un 9,6% máis, a maior inversión en alumeado de Nadal da historia do Concello de Monforte, superando a cantidade destinada en 2023” salientou o Alcalde.

“Eu como Alcalde e o meu Equipo de Goberno, estamos impulsando o alumeado de Nadal, e asumindo o seu coste e instalación, tal e como vimos facendo dende que chegamos ao Goberno municipal en 2015, para axudar ao comercio e á hostalería, que son pilares básicos da nosa economía.”

Deste xeito, supérase o número de arcos colocados en 2023 e tamén supérase a altura da árbore do Cardeal, chegando a 20 metros de altura.

Ademais das 66 rúas iluminadas con arcos, tamén estarán adornadas a Torre da Homenaxe, a Praza de España, incluídas as árbores da súa parte superior, o Campo de San Antonio, a Praza de Carude, a Praza dos Chaos, a Praza da Estación, a Praza de Abastos, con dous bonecos na súa entrada, e 7 arcos de “Bo Nadal” que se ubicarán nas entradas á cidade de Monforte. Tamén será adornado coa Estrela de Nadal o cedro que se atopa entre a Praza das Casitas e a explanada da Compañía.

Para complementar o alumeado de Nadal, tamén funcionarán as fontes da cidade todos os días co mesmo horario que as luces de Nadal, de 6 e media da tarde (18:30 h.) ata as 2 da madrugada.

Este ano son 66 rúas as que contarán con alumeado de Nadal, unha máis que en 2023, incorporándose a rúa María Paz de Tor. “O desexo do Concello” concluíu o alcalde, “é que este amplo dispositivo de Nadal, sirva para animar á xente a saír á rúa, a mercar no comercio local, que anime e que alegre a vida dos nosos veciños e veciñas”.

0.16484594345093