O Museo do Ferrocarril de Galicia inaugura un novo espazo expositivo

RibeiraSacraXa
Trátase dunha nova sala centrada nas persoas que traballaron nel ao longo de décadas
padroado-museo-do-ferrocarril
12 Dec 2025

O Museo do Ferrocarril de Galicia, en Monforte de Lemos, inaugurou este xoves un novo espazo expositivo que amplía a oferta divulgativa dun dos centros ferroviarios de referencia no país.

O novo espazo céntrase na historia do ferrocarril e nas persoas que traballaron nel ao longo de décadas. Entre as pezas máis singulares destacan os mobles da antiga oficina do ferroviario Amancio Ortega —pai do fundador de Inditex—, quen desenvolveu parte da súa vida laboral no depósito de vapor de Monforte antes de trasladarse a A Coruña, onde se xubilou. A sala incorpora tamén maquetas de trens a escala, farois, uniformes de distintas épocas, billetes antigos e diversa documentación histórica.

A colección permanente do museo mantense como un dos seus principais atractivos, con locomotoras de vapor, diésel e eléctricas, así como coches de pasaxeiros e vagóns de carga dos séculos XIX e XX, ofrecendo un percorrido completo pola evolución do tren en Galicia.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou na inauguración deste novo espazo coincidindo coa reunión ordinaria do Padroado, na que se aprobou o orzamento previsto para 2026, unha contía que rolda os 200.000 euros. Arias lembrou que a Xunta continúa a ser a Administración que achega a maior parte do financiamento ao organismo, no que tamén están representadas as Deputacións de Lugo e Ourense e o Concello de Monforte. Nese contexto, puxo en valor “a progresión de visitantes que experimentou o Museo nos últimos anos, que se reflicte nos ingresos pola venda de entradas, e que xunto coa colaboración administrativa permite seguir ampliando a oferta do centro”.

⚙ Configurar cookies
0.069139003753662