O Multiusos de Monforte inicia a vindeira semana un novo cilco de teatro

O teatro volverá ser protagonista da actividade cultural deseñada pola Concellería de Cultura, Ensino e Xuventude de Monforte para o último trimestre do ano. O ciclo inclúe un total de cinco espectáculos entre outubro e decembro, desenvolverase no Edificio Multiusos e está enmarcado dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios.
A programación arranca o xoves 9 de outubro coa obra “Guerra”, da compañía Teatro do Noroeste. Escrita e dirixida por Eduardo Alonso, esta peza é unha traxedia aderezada de comedia e ironía, para dulcificar as arestas tráxicas.
Nun edificio teatral totalmente destruído por un bombardeo dunha guerra no corazón de Europa comezan a aparecer as personaxes das obras do Teatro Universal representadas nel ao longo do tempo, todas encarnadas en dous actores e catro actrices. “Guerra”, en palabras do seu director, “é un espectáculo que trata sobre a guerra, sobre todas as guerras, as pasadas, as presentes e as futuras, as guerras das nacións e os pobos, as guerras das tribos e as guerras das persoas, dos seres humanos, as guerras exteriores pero tamén as internas. Mais a peza toma esta ‘guerra’ de xeito teatral, como as guerras das obras de Shakespeare, Bertolt Brecht, Lope de Vega, Calderón, as carlistas de Valle Inclán ou as imaxinadas escenicamente por Lorca”.
O espectáculo está protagonizado por Luma Gómez, Miguel Pernas, Manuela Varela, Maxo Barjas, Sabela Hermida e Xavier Estévez, con música de Bernardo Martínez, escenografía e vestiario de Carlos Alonso e produción de Eva Alonso.
O ciclo continuará o 23 de outubro co espectáculo “O que hai que ver!”, do grupo Fulano, Mengano e Citano. En novembro, o xoves 6, a compañía Talía Teatro presentará “Un deus salvaxe”, mentres que o xoves 27, Antagonista Teatro representará “Insubmisa”. O ciclo pecharase o 4 de decembro coa peza “Helen Keller, a muller marabilla?”, do Grupo Chévere. Todas as funcións terán lugar no Edificio Multiusos, ás 20.15 horas