O Multiusos de Monforte acolleu a gradación do alumnado de FP do IES A Pinguela

RibeiraSacraXa
O acto recoñeceu ao estudantado que completou os distintos ciclos formativos ao longo dos dous últimos cursos
gradacion-a-pinguela
23 Mar 2026

O IES A Pinguela de Monforte celebrou recentemente o acto de gradación do seu alumnado de Formación Profesional, homenaxeando aos estudantes que completaron distintos ciclos formativos ao longo dos dous últimos cursos. A cita tivo lugar no Edificio Multiusos da cidade.

Durante a celebración, recibiu especial protagonismo a promoción de estudantes de ciclos superiores como Administración e Finanzas (ordinario e dual intensivo), Asistencia á Dirección, Desenvolvemento de Aplicacións Web e Estilismo e Dirección de Peiteado, así como de ciclos medios como Xestión Administrativa, Peiteado e Complementos de Moda, Estética e Beleza, Sistemas Microinformáticos e Redes, Confección e Moda, e Calzado e Complementos de Moda. Tamén se destacou o alumnado de FP Básica de Servizos Administrativos.

O acto contou coa participación do exalumno Jesús Ledo Cores, Premio Extraordinario de Formación Profesional 2025 da familia de Administración, quen apadriñou a promoción. A parte musical correu a cargo das profesoras de Imaxe Persoal, Celsa e Azucena, que interpretaron unha composición creada por elas para a ocasión. O acto concluíu cunha cea de confraternidade nun restaurante da cidade, pechando unha xornada de celebración e recoñecemento ao esforzo académico do alumnado.

0.12701296806335