O Motoclub RS Chantada anima a participar da Concentración Mototurística desta fin de semana

RibeiraSacraXa
A fin de semana do 13 e 14 de abril, o Concello de Chantada recupera a celebración da Concentración Mototurística que organiza o Motoclub RS Chantada.
Concentración mototurística Chantada 2
9 Abr 2024

A fin de semana do 13 e 14 de abril, o Concello de Chantada recupera a celebración da Concentración Mototurística que organiza o Motoclub RS Chantada.

A cita contará con propostas deportivas, gastronómicas, turísticas e musicais, xa que "esta Concentración é un atractivo turístico máis para dar a coñecer o noso municipio. Son benvidas as iniciativas que lle dean vida á vila, á hostalaría e ao comercio, todo o que axude a mover a economía”, asegura a concelleira de Deportes, Belén Vázquez.

O Motoclub RS Chantada vén de cambiar recentemente de directiva e nesta nova andaina decidiuse recuperar esta celebración que levaba máis de 10 anos sen organizarse: “Xuntámonos con xente nova que se foi incorporando e con algún veterano que estaba na anterior organización e decidimos recuperala, o Concello tamén nos animou a sacala para adiante”, sinala Alejandro Eiriz, tesoureiro do Motoclub RS Chantada.

“Temos xogos moteiros, exhibicións de Emilio Zamora, faremos rutas pola vila e o domingo baixaremos ata Belesar pola zona da ribeira. Parece que o tempo vainos acompañar, sentímonos satisfeitos con recuperar o que tiñamos hai anos e poder seguir facéndoa anualmente”, apunta Eiriz.

O Concello colabora coa organización, entre outras cousas, habilitando dous pavillóns para que os participantes teñan espazos gratuítos nos que pasar a noite.

Programación

Todo comezará o sábado 13, xa que ás 12.00 horas abriranse as inscricións e xa ás 17.00 horas terán lugar os xogos moteiros ata ás 19.00 horas, cando terá lugar o 1º pase Emilio Zamora. Ás 21.00 horas será a cea e ás 23.30 horas o 2º pase de Emilio Zamora. Ao remate, celebrarase a festa con disco móbil, CDC e o sorteo de minimoto.

Pola súa parte, o día 14, ás 09.00 horas terá lugar o almorzo e ás 11.00 horas será a ruta turística pola Ribeira Sacra. Xa ás 13.30 horas terá lugar a comida con sorteo de agasallos moteiros e a entrega de trofeos.

0.11275815963745