O Monte Faro, en Chantada, conta con nova sinalización turística

RibeiraSacraXa
Os novos sinais instalados, mencionan a igrexa de Santiago de Requeixo, a ermida de Nosa Señora do Faro e o miradoiro do Faro
nova-sinalizacion-monte-faro-chantada
Nova sinalización no Monte Faro, en Chantada
4 Jul 2025

O Concello de Chantada reforza a sinalización dos recursos turísticos nos accesos ao Monte Faro desde a LU-P- 1002 e a LU-213. Desde esta primavera este espazo está recoñecido tamén como miradoiro Starlight, un referente na protección do ceo nocturno e o desenvolvemento do astroturismo dentro do territorio Ribeira Sacra.

O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, asegura que, “coa nova sinalización melloramos a accesibilidade a este punto estratéxico, miradoiro natural e paso do Camiño de Inverno”.

Os novos sinais instalados, mencionan a igrexa de Santiago de Requeixo, a ermida de Nosa Señora do Faro e o miradoiro do Faro.

Dende o Concello lembran que, precisamente nos meses de verán aumenta o número de peregrinos que chegan a Chantada a través do Camiño de Inverno. Os peregrinos adéntranse no municipio pola zona da ribeira en Belesar, ascendendo pola ladeira oeste do Miño nun trazado sinuoso que evita a forte pendente dun terreo, que percorre petos de ánimas, cruceiros, muíños, igrexas, pazos, etc. Xusto despois de cruzar a vila do Asma comeza a subida que os leva ao Monte do Faro.

“En Chantada o peregrino camiña pola ribeira e a montaña, con fermosas e variadas paisaxes de todo o que é o noso municipio. Ademais cando chegan a Chantada pasean a nosa zona vella de galerías e soportais, as nosas prazas e zonas verdes e atopan aquí todos os servizos necesarios para a comodidade do seu camiño”, afirma Lorenzo Varela.

⚙ Configurar cookies
0.23989415168762