O Mercado para a Medieval regresa a Monforte con 12 postos, desfiles e concursos

Monforte prepárase xa para a celebración da XXII Feira Medieval, os días 4 e 5 de abril, coa organización, esta fin de semana, do tradicional Mercado previo ao evento. A cita terá lugar na Praza de Abastos, en horario de mañá e tarde.
O mercado contará con 12 postos especializados en temática medieval, que ofrecerán desde traxes artesanais, tanto para adultos como para nenos, ata bixutería, complementos, calzado, bolsos, decoración, cosmética natural, gastronomía e servizos de peiteado e maquillaxe. Tamén haberá un espazo centrado na ambientación de establecementos hostaleiros, con propostas de decoración e asesoramento profesional para adaptar terrazas e comedores á estética medieval.
Ademais da actividade comercial, o programa inclúe varias propostas, como o tradicional desfile de traxes medievais, o sábado ás 18:30 horas, ou o concurso de repostería “A polo mellor doce”, que se desenvolverá durante toda a fin de semana e no que o público poderá votar nas categorías tradicional, innovadora e creativa. A entrega de premios será o domingo ás 13:00 horas. O evento servirá tamén como escenario para a presentación oficial do programa completo da XXII Feira Medieval, que realizará o alcalde, José Tomé, na inauguración do mercado o sábado ás 11:30 horas. Segundo avanzou o rexedor, a feira deste ano contará con 140 postos de artesanía de distintas modalidades.
Os horarios do Mercado para a Medieval serán o sábado de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas, e o domingo de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas.
O alcalde anima á cidadanía a participar nesta cita previa, destacando que é unha oportunidade “para empaparse do ambiente previo á gran Feira os días 4 e 5 de abril e prepararse para revivir o noso pasado medieval”. Así mesmo, lembrou que a Feira Medieval de Monforte “é un evento consolidado no calendario festivo de toda Galicia e mesmo de fóra da comunidade”.