O Mercado para a Medieval premia os mellores doces de Monforte

RibeiraSacraXa
La Luna obtivo o premio ao doce máis creativo, Gemma&Naza Cheesecakes foi recoñecida pola innovación e Pan da Casa levou o galardón ao mellor doce tradicional
premios-doces-mercado-medieval-monforte
23 Mar 2026

O Mercado para a Medieval, que se celebra esta fin de semana na Praza de Abastos como antesala da XXII Feira Medieval, acolleu este domingo a entrega de premios do concurso de repostería “A polo mellor doce”, organizado polo Concello de Monforte.

A concelleira de Muller, Igualdade e Consumo, Regina López, foi a encargada de entregar os galardóns nun acto celebrado ao mediodía, no que se recoñeceu o traballo das panadarías e pastelarías locais participantes.

O certame, centrado na elaboración de doces inspirados na repostería ou na estética medieval, contou coa participación de oito establecementos da cidade: La Luna, Pan da Casa, As Gándaras, Moure, O Castro, Fernández, Rufina e Gemma&Naza Cheesecakes. A elección dos gañadores correu a cargo do público asistente ao mercado, que votou as súas propostas favoritas.

En canto ao palmarés, La Luna obtivo o premio ao doce máis creativo, Gemma&Naza Cheesecakes foi recoñecida pola innovación e Pan da Casa levou o galardón ao mellor doce tradicional. Ademais, as elaboracións premiadas foron sorteadas entre as persoas que participaron na votación, quen recolleron os seus premios da man dos propios reposteiros.

Na entrega tamén estiveron presentes os concelleiros José Luis Losada, responsable de Medio Ambiente, Obras, Medio Rural e Servizos, e José Manuel Mougán, de Deportes. Desde o equipo de goberno municipal agradeceron a implicación do sector local nesta iniciativa e animaron á cidadanía a seguir visitando o Mercado para a Medieval.

O evento continuará aberto durante a tarde do domingo e reúne nesta edición un total de 12 postos con produtos especializados en temática medieval, pensados para ambientar e preparar a próxima celebración da Feira Medieval.

0.11757016181946