O Mercado de Nadal regresa esta fin de semana á Praza de Abastos de Monforte

A Praza de Abastos de Monforte de Lemos acollerá os días 20 e 21 de decembro unha nova edición do Mercado de Nadal, unha proposta impulsada polo Concello para dinamizar o comercio local e ofrecer alternativas de lecer para toda a familia durante a fin de semana previa ás festas.
O mercado abrirá as súas portas o sábado e o domingo en horario de 10.00 a 14.00 horas pola mañá e de 17.00 a 20.30 horas pola tarde, e contará con 16 postos de venda nos que o público poderá atopar produtos navideños, ideas para agasallos, artigos gastronómicos, chocolate quente e doces.
Ao longo das dúas xornadas desenvolverase unha ampla programación de actividades pensadas para todos os públicos, que incluirá obradoiros infantís, contacontos, música en directo, xogos e un videomatón navideño 360º, no que as persoas asistentes poderán gravar e editar o seu propio vídeo festivo. Os máis pequenos tamén poderán visitar unha recreación da habitación de Papá Noel e entregar alí as súas cartas.
O alcalde de Monforte, José Tomé, anima á cidadanía e ás persoas que visiten a cidade durante estes días a achegarse ao mercado e participar nas actividades programadas. “Convido a toda a veciñanza a apostar polo comercio local, desfrutar da nosa hostalería e participar no completo programa de actividades que desenvolveremos a vindeira fin de semana na Praza de Abastos”, sinalou.
A programación comezará o sábado cun obradoiro artesanal infantil en horario de 12.00 a 14.00 horas, e pola tarde, ás 18.00 horas, terá lugar o espectáculo familiar “Un Nadal chungo que te cagas”, a cargo de Peter Punk. O domingo celebrarase un novo obradoiro creativo de pintura para nenos e nenas pola mañá, e xa pola tarde actuará Brais das Hortas co espectáculo “Consertasso na horta”, tamén ás 18.00 horas.
O videomatón navideño 360º estará dispoñible o sábado pola tarde e o domingo tanto en horario de mañá como de tarde.
Desde o Concello destacan que este Mercado de Nadal combina comercio, animación e lecer familiar, co obxectivo de fomentar as compras de proximidade e ofrecer un espazo de encontro para a cidadanía durante as datas previas ás festas.