O Mercado de Nadal regresa a Quiroga para apoiar o comercio local e a artesanía

RibeiraSacraXa
Será os días 27 e 28 de decembro e contará con 16 de postos
mercado-de-nadal-de-quiroga
Actualizada el 13 diciembre 2025, 08:40 horas
12 Dec 2025

O Concello de Quiroga celebrará os días 27 e 28 de decembro unha nova edición do Mercado de Nadal de comercio local e artesanía, unha iniciativa pensada para dinamizar a economía local e apoiar tanto ao pequeno comercio como ao sector artesán. O evento desenvolverase na praza España, en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas.

O mercado contará con 16 postos situados nunha gran carpa, nos que se ofrecerán produtos moi variados, como roupa e complementos, libros e xogos educativos, alimentación artesanal, cosmética natural, ilustración, decoración e diferentes propostas de bixutería e xoiería creativa. A cita reunirá comercio de proximidade e proxectos artesáns procedentes da contorna da Ribeira Sacra e doutros puntos de Galicia.

A programación complétase cunha ampla oferta de actividades dirixidas especialmente ao público infantil e familiar. Durante as dúas xornadas haberá un espazo de xogo para a cativada e celebrarase o sorteo dunha Cesta de Nadal ás 18.30 horas, grazas á colaboración da asociación de comerciantes locais. Ademais, organizaranse dous obradoiros creativos: un de decoración de pezas en impresión 3D o sábado pola tarde e outro de elaboración de guirnaldas o domingo.

O sábado 27 pola mañá, de 12.00 a 14.00 horas, o Mercado de Nadal recibirá a visita do Apalpador, que chegará desde as montañas do Courel cunha ruada musical por Quiroga e rematará a súa visita cunha sesión de contos na carpa do mercado. Pola súa banda, o domingo 28, no mesmo horario, celebrarase unha demostración de torneado de madeira de oliveira a cargo de Artesanía Armaior, un proxecto emprendedor de Quiroga especializado na elaboración de utensilios de cociña.

A animación musical correrá a cargo da charanga tradicional Pándega, que o domingo realizará un pasarrúas pola vila e porá música ao mercado entre as doce e as dúas da tarde.

Este Mercado de Nadal está organizado polo Concello de Quiroga e conta co patrocinio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Centro de Artesanía e Deseño, así como coa colaboración da Asociación de Empresarios e Comerciantes do Xeoparque Montañas do Courel.

⚙ Configurar cookies
0.080533027648926