O Mercado de Nadal de Monforte abre as súas portas

A Praza de Abastos de Monforte de Lemos convértese desde hoxe sábado e durante toda a fin de semana no escenario do Mercado de Nadal, unha iniciativa do Concello pensada para animar as compras do Nadal, apoiar o comercio local e ofrecer actividades para toda a familia.
O mercado contará con 16 postos de venda nos que o público poderá atopar agasallos, produtos gastronómicos, chocolate quente e doces. Estará aberto tanto hoxe sábado como mañá domingo en horario de 10:00 a 14:00 horas pola mañá e de 17:00 a 20:30 horas pola tarde.
Ademais da oferta comercial, o Mercado de Nadal inclúe unha ampla programación de actividades. Os máis pequenos poderán visitar unha recreación do cuarto de Papá Noel e entregar alí as súas cartas, mentres que maiores e cativos poderán desfrutar de espectáculos, obradoiros, música e un videomatón navideño 360º, que permitirá gravar e editar vídeos con temática do Nadal.
A programación arrinca hoxe sábado cun obradoiro artesanal infantil de 12:00 a 14:00 horas e continuará pola tarde, ás 18:00 horas, co espectáculo “Un Nadal chungo que te cagas”, a cargo de Peter Punk. Mañá domingo haberá un obradoiro de pintura para nenos e nenas en horario de mañá e, xa pola tarde, ás 18:00 horas, actuará Brais das Hortas co espectáculo musical “Consertasso na horta”.
O videomatón 360º estará dispoñible hoxe de 18:00 a 20:30 horas e mañá domingo tanto pola mañá como pola tarde.
Desde o Concello, o alcalde José Tomé anima á cidadanía a achegarse á Praza de Abastos para “sumarse a esta aposta polo comercio local, desfrutar da hostalaría e participar no completo programa de actividades preparado para esta fin de semana”.