O Mercadillo Solidario de Colectivo Vermut regresa este sábado a Monforte

A asociación cultural Colectivo Vermut celebra este sábado o II Mercadillo Solidario de Nadal no Club Fluvial de Monforte, que estará aberto ata as 20.00 horas.
A iniciativa pretende recadar fondos para asociacións de carácter asistencial que ofrecen os seus servizos en Monforte, como Cruz Vermella, Auxilia, Ruliños, Cáritas, Afamon e Albores. O prezo das entradas será dun euro por adulto, mentres que os menores de 16 anos poderán acceder gratis, e a cuota para os expositores será de 4 euros por posto participante.
Ademais, nesta edición, faranse dous bingos solidarios, un en formato tradicional e outro en formato de Bingo Musical. Os fondos recadados por ambos Bingos serán destinados a SOGAPS, (Solidariedade Galega co Pobo Saharauí), unha ONG que trata de dar visibilidade á causa do pobo Saharauí en Galicia e axuda na medida do posible ao seu pobo. Os regalos do bingo serán produtos ou servicios doados por negocios e empresas locais.
O Mercadillo Solidario conta xa coa confirmación de máis de 30 postos de artesanía, tatuaxes, xoiería, venda de tartas, roupa de segunda man, entre outros. A maiores, este ano participan algúns dos autores da Asociación Galega de Escritores que amosarán a súa obra nun novo espazo de micro aberto no que ademáis poderán participar os asistentes.
A parte musical estará composta pola banda monfortina Dinosaurios, o artista e produtor Jaunx, e as responsables da Sesión Vermut seránDj Midori e Albanta Dj.
En canto as actividades infantís, o mercado contará cun obradoiro de manualidades dirixido por Deborah Nuñez de Trasnos Ocio e Contacontos musical “A Apalpadora” da man da empresa Velaísca.